En Marea •  Redacción •  Galicia •  26/09/2016

Luís Villares valora o resultado electoral de En Marea

Na tarde do luns reuniuse a Coordinadora nacional de En Marea para analizar os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia de onte. O portavoz de En Marea, Luís Villares, manifestou o compromiso do grupo de 14 deputados e deputadas elixidos onte polos galegos e galegas para ocupar a segunda forza no Parlamento de Galicia. Así mesmo, Villares salientou a satisfacción de trasladar un proxecto serio e solvente con vocación de futuro, “viñemos para nos quedar! asegurou.

Luís Villares valora o resultado electoral de En Marea

Entre os condicionantes que motivaron aos resultados por debaixo das expectativas marcadas por En Marea, Luís Villares salientou a falla de tempo o que condicionou moito a capacidade de chegar coa nosa mensaxe á cidadanía pero “ábrese un tempo novo no que trasladaremos o noso proxecto para a sociedade e esperamos de aquí en adiante ter o respaldo da maioría social“.
 
“Os problemas de campaña viñeron entre outras cousas pola pouca capacidade que tivemos de colocar a nosa mensaxe nos medios de comunicación entre outras cousas porque non se nos deu a cobertura propia de AGE que sería a que nos correspondese co que a cobertura informativa foi moito menor da que nos tería correspondido como herdeiros desa oposición.

«De todos xeitos sabemos que En Marea é un proxecto político que recolle o mellor das tradicións que incorpora e se agranda aínda máis con todos os movementos municipalistas e cidadán co que a partir de agora traballaremos para chegar a toda a cidadanía“ afirmou Luís Villares. “Somos conscientes de que faltou ese tempo e se o tiveramos esa maioría do PP seguro non tivera sucedido“engadiu.
 
“Agora corresponde asentar todo o traballo que levamos facendo todos estes meses. Estamos moi satisfeitos de todo o traballo realizado para integrar todo o espazo político de En Marea“ continuou a súa intervención ante os medios de comunicación.

Asi mesmo, informou que unha vez pasadas as eleccións e formación de novo goberno se convocará unha nova asemblea para marcar todo o despregue de En Marea como organización que será de aquí a final de ano.


En Marea /  Luis Villares /