Esquerda Unida presenta en Compostela o Manifesto do Día das Persoas Migrantes e traslada a súa preocupación pola vulneración constante dos seus dereitos

16/12/2016

Xabier Ron: “Silenciáronse as 3.270 persoas mortas no Mar Mediterráneo no 2014, as 3.771 que o fixeron no 2015 e dá medo sabermos as que morreron neste 2016 e non abren titulares”.

 Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE, trasladou está mañá en rolda de prensa a súa preocupación respecto á vulneración constante dos dereitos das persoas migrantes, así como a inxusta situación na que están a vivir na actualidade. No acto presentouse o Manifesto do Día Internacional das Persoas Migrantes de Esquerda Unida, dende o que trasladouse, en palabras de Ron, que “polo que estamos a ver, non se aprende absolutamente nada da nosa historia no que en materia de dereitos humanos se refire”.

“Hobsbawn tiña razón ao dicir que o racismo e a xenofobia son síntomas e non remedios, e están a obrar como un remedio que impregna as normas, leis e tratados, como o que asinou a UE con Turquía, que segue a permitir a deportación de persoas que solicitan asilo ao saír de países que están en conflito”, sinala Ron. E continúa: “Vivimos no consenso da indiferencia, que produce sufrimento, degrada e favorece a marxinalidade e a invisibilización de milleiros de persoas en Galicia e en España”.

“Neste senso, produce abraio que se tolere o desbaldimento de diñeiro público, concretamente que se gasten 275 millóns de euros en construír 235 km de muros e valos en distintos puntos fronteirizos de estados membros da UE. Sorpréndenos tamén que se silencien as 3.270 persoas mortas no Mar Mediterráneo no 2014, as 3.771 que o fixeron no 2015 e dá medo sabermos as que morreron neste 2016. Cal non será a cifra mortal total se na semana do 23 de maio de 2016 sabemos que faleceron 900 persoas? Unha cifra, que tal e como dixeron as persoas voluntarias que traballan na Isla de Lesbos, foi silenciada polos medios de comunicación”, expón Ron.

“Para Esquerda Unida, este 18 de decembro de 2016 pasará a historia por ser o máis negativo a niveis internacionais para as persoas migrantes. Tamén para as persoas solicitantes de asilo político. Todo debido a unha deliberada e burda manipulación que asimilou as dúas condicións humanas para amputar os dereitos propios dunha persoa que sae dun país en conflito e recortar aínda máis os dereitos das persoas migrantes, todas elas convertidas inxustamente, polo discurso da dereita, nese outro perigoso, indesexable, vestido coa roupa do discurso delicuencial e criminalizador”, declara.

“En España existen voos de deportación, que son unha evidencia do comportamento xenófobo e racista das nosas institucións, polo que cómpre, por humanidade, antes de que se proceda a unha deportación exprés, facer unha revisión do expediente de forma individualizada e ver as condicións polas que esa persoa está en situación irregular para comprobar se hai alternativas máis xustas á deportación”.

Esiximos a fin de prácticas xenófobas

Xabier Ron expuxo unha serie de iniciativas que serán levadas ao Parlamento de Galicia e ao Congreso dos Deputados a través de En Marea para poñer fin a prácticas racistas e xenófobas, por exemplo, “pedindo que se active o diálogo interadministrativo Goberno-Xunta para que finalice a persecución policial e o acoso evidente con motivo das redadas policiais que se realizan para encher os voos de deportación. Tamén pedimos conformar, en base a ese mesmo diálogo, un mecanismo habilitador para a concesión dunha autorización de residencia e traballo de se produciren as condicións sociais axeitadas e que deben ser fixadas mediante o diálogo cos axentes sociais dedicados á defensa dos dereitos das persoas migrantes. Por último, esiximos tamén ao Goberno do Estado que poña fin á práctica dos voos de deportación”.

“Doutra banda, tamén preguntaremos ao Goberno galego como está na actualidade o Plan de Acollida para Persoas Refuxiadas en Galicia, posto en marcha pola Xunta de Galicia, con que orzamento conta, ou cantas son as persoas acollidas neste 2016 e cantas se prevén para o 2017”, remata.

Por último, recordamos que Esquerda Unida apoia e súmase aos actos da Semana de Loita contra as Fronteiras que organiza o Foro Galego de Inmigración, entre o 14 e o 18 de decembro de 2016, chamar a atención sobre a inxusta situación en que viven as persoas migrantes.         

 

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .