Xabier Ron: “Hoxe temos 16 millóns de euros menos que no 2012 para Cultura, limitando así o dereito de acceso para a cidadanía”

31/12/2016

“É imprescindible crear unha Lei para a Adquisición e Goce da Cultura, máis coñecida como o Bono Cultural, que permita e garanta o acceso á cultura durante todo o ano”.

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE, trasladou está mañá que “os Orzamentos que a Xunta dedica no 2017 á Cultura seguen a perpetuar unha senda de empobrecemento do dereito ao acceso á mesma, xa que, se ben a cultura ten que servir para socializar e ser redistribuída por todo o territorio, agora é máis ben o contrario”.

“En 2012, Cultura contaba cun Orzamento de 79 millóns de euros e hoxe contamos con 63 millóns de euros, é dicir, 16 millóns de euros menos. A pesar de que é certo que se produce un lixeiro incremento neste 2017 con respecto ao 2016, as partidas esenciais que definen o dereito de acceso á cultura seguen conxeladas, e isto afecta á preservación, ao patrimonio histórico-cultural, ás axudas aos museos ou á Fundación Marco, entre outras cousas”, explica.

“Está claro que asistimos a unha retórica baleira, de propaganda orzamentaria e institucional, polo que necesitamos unha serie de liñas de actuacións e medidas a seguir. A primeira é que non pode ser que a Fundación Cidade da Cultura siga acaparando o 14% dos orzamentos de Cultura, máis de 9 millóns de euros destinados a aspectos que non teñen nada que ver co dereito de acceso á cultura”, sinala.

Polo contrario, “nós entendemos que hai que crear unha Lei para a Adquisición e Goce da Cultura, máis coñecida como o Bono Cultural, que permita acceder á cultura durante todo o ano. Ademais, cómpre rematar cos procesos de privatización do noso Patrimonio Cultural, tal como os parques arqueolóxicos”, indica.

Respecto a isto último, “reclamamos que o Dolmen de Dombate sexa de titularidade e de xestión da Xunta de Galicia”. “Novamente, a privatización do noso sistema público ideada polo executivo de Feijóo segue adiante sen ningún tipo de rubor. O Camiño de Santiago, patrimonio histórico, cultural e natural de Galicia, así como patrimonio da humanidade, tampouco escapou a esa estratexia privatizadora vergoñenta, que vén protexida polo artigo 38 da mala Lei de Patrimonio Cultural aprobada no remate da pasada lexislatura”.

“Xa que a nena bonita do discurso cultural de Feijoó é o Camiño de Santiago, cómpre que os 69 albergues públicos sexan devoltos e non entregados a Florentino (FCC), unha acción que nós xa criticamos en diversas ocasións e vemos francamente lamentable”.

Desde Esquerda Unida, tal e como defendemos en reiteradas ocasións no Parlamento de Galicia, tanto dende AGE ou agora dende En Marea, o noso patrimonio histórico, cultural e natural non pode vivir sometido á cobiza empresarial e á incapacidade da Xunta para xestionar desde o público os albergues do Camiño de Santiago, polo que cómpre a reversión e a recuperación da xestión plenamente pública da rede de albergues do Camiño de Santiago.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .