EU denuncia a complicidade coa que algúns medios de comunicación manteñen argumentos que xustifican comportamentos machistas

11/01/2017

Dende Esquerda Unida esiximos a retirada inmediata do artigo de opinión dos medios galegos que o recolleron e que aínda está visible en Internet.

Esquerda Unida reitera o seu compromiso de loita contra a violencia machista denunciando que algúns medios de comunicación permiten que nas súas páxinas se recollan artigos “de opinión” onde se denigra á muller. “Concretamente, onte padecemos esta miseria machista nun artigo aparecido en algúns medios galegos onde un home equiparaba á vítima e verdugo, mantendo viva a idea de que a violencia machista é culpa da muller: é dicir, que se da porque a muller o permite”, critica a responsable de políticas sociais de Esquerda Unida, Sofía Díaz.

“Como xa denunciáramos, é o sistema patriarcal o que aínda hoxe somete, en diferentes eidos, á muller a un rol no que é explotada polo mero feito do seu xénero. Consideramos que os artigos de opinión onde se len barbaridades como: ‘Mujeres que se somenten a sus asesinos voluntariamente’ non son acordes ao século XXI onde a loita pola igualdade real entre homes e mulleres é un obxectivo aínda a alcanzar”, explica Sofía Díaz.

Dende Esquerda Unida esiximos a retirada inmediata da publicación dos medios galegos que a recolleron. Desgraciadamente, sabemos que este caso non é illado, xa que as mulleres soportamos situacións de desigualdade e acoso diariamente por todo tipo de homes, como o que escribe ese artigo “de opinión” que nunca debería ver a luz, xa que os medios si que teñen unha responsabilidade legal e ética ante as barbaries indefendibles plasmadas en aberrantes artigos dos seus colaboradores.

Por último, manifestamos a nosa repulsa ante as verbas sexistas e extremadamente violentas que fan tanto dano ao traballo que levamos facendo e trasladando á sociedade durante anos, sabendo que o feminismo é imprescindible e representa unha alternativa política global e integradora nun modelo de sociedade pola que traballamos: respectuosa, xusta e igualitaria.

“As vítimas mortais de agresións machistas son só a parte máis dramática dunha problemática con raíces moi fondas e, detrás de cada xesto, e tamén de cada verba, se atopa un sistema patriarcal que dende Esquerda Unida traballaremos para erradicar”, remata Sofía Díaz.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .