Esquerda Unida, da man da eurodeputada Marina Albiol, insta á CE a investigar a presunta malversación de diñeiro na xestión de fondos europeos levada a cabo por persoas vinculadas ao PP de Ourense

03/05/2017

Esquerda Unida, da man da eurodeputada  de IU, Marina Albiol, preguntará á Comisión Europea (CE) se vai levar a cabo medidas para investigar a presunta malversación de diñeiro público investido en proxectos financiados con fondos Leader en Ourense e se a CE vai contactar co Goberno español para esixir explicacións sobre estas irregularidades vinculadas á construción dunha planta de biomasa e cinco obradoiros de artesanía en Arnoia, proxectos que estaban baixo a planificación e xestión de Rogelio Martínez González, home de confianza de Alberto Núñez Feijóo e o entón alcalde desta localidade.

Foi no mes de abril cando o xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadavia (Ourense) ordenou a apertura de xuízo oral contra Rogelio Martínez González, así como dunha decena de técnicos e particulares vinculadas ao Partido Popular que presuntamente executaron unha trama corrupta para obter diñeiro público de fondos europeos. Martínez González era, daquela, o presidente do Grupo de Acción Local CEIVAM, encargado da xestión dos fondos Leader na comarca.

Ante a posibilidade de estar “diante dun patrón xeneralizado” de modelo de conducta, Marina Albiol preguntará á Comisión se “ten constancia das irregularidades cometidas no proceso de concesión de fondos e execución dos proxectos aos que lles asignaron os fondos Leader”. Ademais, a eurodeputada de IU incidirá en “que mecanismos ten a Comisión Europea para o control e seguimento sobre a concesión, execución e posterior funcionamento de infraestruturas construídas con fondos europeos e se foron activados para o caso citado”. 

Dende Esquerda Unida consideramos que a Comisión Europea debería ter formas de control eficientes para asegurar que o diñeiro público da cidadanía non vai parar a petos privados, unha práctica corrupta que parece responder ao modus operandi do PP, partido envolto en casos de corrupcións cos que se aprecia que segue a antepoñer o lucro de particulares ao ben común.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .