Esquerda Unida denuncia a perda de 239 centros e 1.316 aulas educativas dende 2005 e insta ao Goberno a poñer freo na súa teima no desmantelamento do ensino no rural

08/07/2017

Con esta sangría de centros levada a cabo polo PP, Galicia perdeu unha cuarta parte dos CPI existentes dende o ano 2005, creados expresamente para adaptar a oferta de ensino secundario obrigatorio ás características xeográficas e demográficas do país. Os tres concellos afectados polo peche dos Centros Públicos Integrados acumulan 39 aulas eliminadas e 53 profesores suprimidos
nos últimos 10 anos. O Partido Popular está a levar a cabo unha auténtica reconversión educativa ao poñer en práctica o maior peche de centros de ensino da historia de Galicia.

Ramón Vázquez, membro da executiva de Esquerda Unida e José Cuenca, membro da área de Educación de Esquerda Unida, denunciaron en rolda de prensa a perda de 239 centros e 1.316 aulas educativas dende o ano 2005 e instaron ao Goberno da Xunta a poñer freo na súa teima de desmantelar o ensino dos nosos pobos e vilas.

José Cuenca aproveitou a súa intervención para incidir en que “o recente peche dos tres Centros Públicos Integrados (CIPs) de As Pontes, Ribadavia e Porriño supón un duro golpe ao ensino no medio rural, onde este tipo de centros permitían continuar cos estudos de secundaria a milleiros de mozas e mozos que, agora, vense na obriga de abandonar”.

Os CIPs foron creados no ano 1999 expresamente coa escusa de garantir unha axeitada oferta educativa do rural, adaptar a oferta de ensino secundario obrigatorio ás características xeográficas e demográficas do país, evitar os desprazamentos e favorecer a continuidade dos estudos do alumnado das vilas e pobos de Galicia, “aínda que agora se pon en marcha un peche indiscriminado deles que pasamos a desagregar”, apunta o membro da executiva de Esquerda Unida.

Ramón Vázquez incidiu en que estes peches non son casos illados. “En 2005, Galicia contaba con 89 CIPs dos que tan só quedan 65 en funcionamento despois dos tres últimos peches anunciados pola Xunta de Galicia. O peche dunha cuarta parte dos CPI existentes é un ataque ao dereito á educación dos rapaces e rapazas do medio rural, incrementa de xeito insoportable os seus desprazamentos, afecta de xeito negativo ao seu rendemento académico e incrementa o abandono educativo temperá nos pobos e nas vilas do nosos país”, explica o membro da executiva de Esquerda Unida.

“Tan só o Concello de As Pontes perdeu 15 aulas e 17 profesores e profesoras nos últimos 10 anos, o Concello de Ribadavia perdeu 10 aulas e 23 profesores e profesoras e, o de O Porriño, perdeu 14 aulas e 13 profesores no mesmo período”, explica Vázquez. En total, estes tres concellos suman unha perda de 39 aulas e 53 profesores e profesoras dende o ano 2005 e seguen a dramática senda de desmantelamento do noso rural que o PP impón para os nosos pobos e vilas.

Dende Esquerda Unida seguimos a denunciar que o Goberno do Partido Popular está a levar a cabo unha auténtica reconversión educativa ao poñer en práctica o  maior peche de centros de ensino da historia de Galicia e derivando unha cantidade inxente de recursos ao ensino privado e concertado. É por iso que instamos ao Goberno a poñer freo a súa teima de desmantelar a educación do noso rural.

“Galicia perdeu 239 centros educativos dende o ano 2005 e 1316 aulas deixaron de existir nunha hemorraxia que se cebou de xeito especial nos concellos do rural, onde iniciar e continuar estudos é xa, a día de hoxe, imposible”, remata o Ramón Vázquez.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .