Esquerda Unida ve con moita preocupación a cronicidade da pobreza laboral e a alta temporalidade dos novos contratos en Galicia

04/08/2017

Se ben a temporada estival é unha época  que permite unha alentadora lectura para o mercado laboral, dende Esquerda Unida queremos recalcar que estes datos de emprego non pode venderse xamais como un “éxito”, senón todo o contrario: detrás das estatísticas a dura realidade é que Galicia está a retroceder en dereitos laborais, un reflexo do fracaso das políticas de emprego do Partido Popular, nas que os contratos temporais, de menos horas e precarios fan que vivir con dignidade sexa imposible.

Nestes últimos anos, as galegas e os galegos asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora. A modalidade contractual precaria, de menos horas, temporal e inestable afecta ao 94% dos novos contratos. O salario que perciben as e os traballadores, en xeral, é decrecente e escaso, ademais, un 15% de persoas que traballan na nosa comunidade son pobres. En referencia ao tipo de relación que se establece coa patronal, ascenden os falsos autónomos dentro dun contexto social no que máis de 700.000 persoas viven en risco de exclusión social.

De novo, os colectivos máis precarizados son a mocidade, incapaz de emanciparse, un contexto que obriga á mocidade galega a un exilio ou migración forzada por motivos económicos: 14.000 mozas e mozos abandonaron Galicia no ano 2016. Tamén os maiores de 45 anos ven moi difícil atopar un emprego e, os maiores de 55 anos, teñen case imposible o retorno ao mundo laboral. Respecto a este último colectivo, o acceso a pensións non contributivas lastran a xubilación e a súa calidade de vida.

Unha das problemáticas máis frustrantes a ten que soportar o colectivo de persoas que desenvolven o seu traballo de forma autónoma, ou falsamente autónoma. Grazas as políticas de emprego do PP, os traballadores e as traballadoras teñen que firmar contratos baseados na miseria, precaridade e a desigualdade, contratos que rematan cos dereitos fundamentais das persoas.

Esta situación repítese co complemento salarial que representaban os servizos públicos básicos: hoxe hai que gastar cada vez máis para acceder a educación, a sanidade e a políticas sociais. A súa degradación e privatización contribúe ao proceso estrutural de empobrecemento da clase traballadora. E o mesmo podemos dicir do feito de que o 85% do esforzo fiscal recae sobre as rendas do traballo.

Para Esquerda Unida, esta é a panorámica da estrutura de traballo bosquexada  polo capitalismo especulativo actual, que pode permitirse dispoñer de amplas bolsas de persoas empobrecidas, xa que os seus beneficios non se ven afectados. Resultado: O mundo laboral precarizado e sen dereitos; servizos públicos privatizados e unha política fiscal insolidaria e regresiva. A pesar de que o PP vende triunfalmente estes datos, as cifras revelan que é a menor caída do paro no mes xullo dende hai 8 anos, uns datos que só repousan no sector dependente do turismo e ningún indicio que permita abeirar optimismo máis aló do mes de setembro ou outubro.

Por todo isto, a pesar das bondades do relato mediatizado,  dende Esquerda Unida vemos con preocupación como cada ano os dereitos laborais seguen a estar máis triturados e, de continuar coas actuais políticas neoliberais de desregulación, as condicións de traballo e de recorte dos salarios, tristemente, no van a mellorar. É por iso que dende Esquerda Unida demandamos, entre outras cousas, melloras económicas que inclúan a derrogación das dúas últimas reformas laborais (revertendo as súas consecuencias), o apoio aos modelos cooperativos e de economía social, a creación dunha banca pública galega ou a igualdade salarial entre homes e mulleres, xa que son estas últimas as máis afectadas polo desemprego en Galicia, así como por ter salarios máis baixos.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .