Esquerda Unida afea a actitude da Xunta coa Cova de Eirós e celebra a anulación da licenza a Cementos Cosmos da explotación da canteira próxima

06/08/2017

A xustiza quítalle a razón ao Concello de Triacastela e incide na indiferenza da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coa Atapuerca galega. Desde Esquerda Unida reclamamos que toda a paraxe arqueolóxica sexa considerada Patrimonio da Humanidade e que se proceda, canto antes, a realizar os trámites conducentes para que se incorpore na lista indicativa da Unesco.

Hai escasos días vimos de coñecer con satisfacción a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo que anula a licenza de actividade que o Concello de Triacastela concedera no 2014 a Cementos Cosmos para explotar a canteira de Vilavella, tal e como reclamaba dende fai anos o movemento asociativo defensor do noso patrimonio e organizacións políticas, tales como Esquerda Unida, que víamos indigna dita concesión.

Con esta sentenza recoñécese que estabamos no certo e que a Cova de Eirós,  un xacemento arqueolóxico que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular, merece a máxima protección. A sentenza non é firme, polo que tivemos ocasión de escoitar que será recorrida polo Concello de Triacastela.

A Xunta de Galicia, a través da ineficaz e ausente Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, agardou ata o mes de maio de 2017 para iniciar os trámites de declarar Ben de Interese Cultural (BIC) á Cova, unha actitude de desprezo que xa sinala que a Xunta estivo permitindo as actividades extractivas da canteira e deixando en segundo lugar a preservación do noso patrimonio cultural.

E fíxoo “porque non lle quedaba máis remedio”, como sinala o colectivo ecoloxista Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que procurou ata en oito ocasións pola vía administrativa que a Xunta cumprira coa lei.

A Cova de Eirós representa un dos fitos da nosa prehistoria. Nestes precisos momentos ten lugar a campaña de escavacións e os arqueólogos pretenden atopar indicios de ocupacións humanas anteriores ás máis antigas que se rexistraron ata o de agora no nivel catro do xacemento e que reflicten unha datación provisional duns 118.000 anos. A Cova conserva as únicas mostras de arte rupestre do Paleolítico descubertas en Galicia: un conxunto de gravados e pinturas, cunha antigüidade mínima de 9.000 anos.

En todo momento, mesmo unha vez iniciado o trámite para a declaración BIC, a Dirección Xeral de Patrimonio delimitou unha área de afectación e estableceu unhas cautelas que atenden máis aos intereses de Cementos Cosmos que á correcta salvagarda deste xacemento.

Galicia e a Cova de Eirós non se merecen estes gobernantes indiferentes ao que é considerado pola ciencia como a “Altamira e a Atapuerca galega”. Indiferenza que marca a inclinación natural pola ideoloxía capitalista, sempre á procura da máxima rendibilidade económica, sen atender á rendibilidade social e sen considerar que o patrimonio, ben atendido, ben defendido, ben difundido, pode ser tamén unha fonte non só de coñecemento, senón de recoñecemento do espazo e do territorio en que se asenta a Cova de Eirós.

A Cova de Eirós non é só un monumento, como moi ben argumentan nas súas alegacións ADEGA, é un xacemento arqueolóxico que está nunha contorna que debe gozar do máximo recoñecemento e protección.

Tal e como lembra o membro de dirección de Esquerda Unida, Xabier Ron, no ano 2015 xa se solicitara “que nesa máxima figura de protección tamén deben figurar as covas máis pequenas en dimensións como son a Graxeira e a Cabaxa, onde non se fixo ata o momento ningún achado arqueolóxico ou paleontolóxico, mais que conteñen recheos sedimentarios que poden agochar restos prehistóricos”. E, tal como fixemos daquela, cómpre lembrar que “un dos Camiños de Santiago pasa por esta paraxe arqueolóxica”.

Co presente comunicado, desde Esquerda Unida reclamamos que toda a paraxe arqueolóxica sexa considerada Patrimonio da Humanidade e que se proceda, canto antes, a realizar os trámites conducentes para que se incorpore na lista indicativa da Unesco.

A proximidade das actividades extractivas nunca freadas pola Xunta de Galicia causaron serios danos á capa de protección natural da Cova co risco de afectación para o conxunto de pinturas rupestres máis valioso dos ata agora coñecidos no noso país. Só a sentenza do Xulgado número 2 de Lugo permite abeirar esperanza para a preservación e integridade da Cova, sempre e cando a Xunta se poña a traballar nas mesmas para recuperar e rexenerar a paraxe atacada pola actividade extractiva.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .