Antón Sánchez: "O Goberno do PP aposta únicamente polo espolio coa nova lei de fomento empresarial"

14/09/2017

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento galego e Coordenador Nacional de Anova analiza nun artigo de opinión no diario Praza Pública as implicacións que a Proposición de Lei de Fomento de implantación de iniciativas empresariais, tramitada pola vía de urxencia, pode ter para o territorio e a xente do común.

O deputado Antón Sánchez durante a súa intervención no debate parlamentario da PDL de fomento empresarial / Parlamento de Galicia

Según indica, na nova norma que pretende impoñer o Partido Popular "introdúcense cambios transcendentais en sectores coma o mineiro, o eólico e o forestal", actividades que a nivel galego "producen e exportan materias primas baratas e deixan fortes impactos no país".

Para Antón Sánchez, "lendo a proposta, vemos como as trabas administrativas son un eufemismo utilizado para non referirnos á protección ambiental e patrimonial, a aqueles elementos que melloran as condicións da vida da xente do común" senón que dende o PP estase a facer referencia "básicamente" aos lobbies mineiros, eólicos e forestais, en vez de "conservar e poñer en valor o país" a través da creación de emprego público de calidade.

"Suprímense os requisitos para unha minoría, mentres para os grandes poderes económicos e financeiros a administración fai a vista longa. Actívase a iniciativa empresarial pero non para as PEMES e os autónomos, senón para as grandes corporacións empresariais: así lexislan os señores do Partido Popular" -afirma Sánchez-.

Para o vicevoceiro de En Marea "estamos diante dunha liberalización selectiva, que propiciará a profundización do modelo que especializa a Galiza na produción de materias primas baratas nas explotacións mineiras, enerxéticas e forestais tendo en común fortes impactos no territorio, a pouca creación de emprego e riqueza relativa, e a concentración cada vez maior destes sectores en menos empresas" porque "o que reflexa esta PDL que presenta o PP é que para o Executivo de Alberto Núñez Feijóo o futuro a eonomía galega non pasa por unha planificación que permita a racionalización na explotación dos recursos naturais ou por facer compatible a actividade económica coa preservación do medio ambiente".

BENEFICIO PARA AS GRANDES EMPRESAS DO SECTOR ELÉCTRICO

Sánchez recorda asimesmo que "no caso da produción eléctrica", cun país "que exporta 1 de cada 3 megavarios que produce", non se está a recibir "prácticamente nada a cambio" mentres o medio ambiente "padece os custos desa explotación", mentres empresas como ENDESA, Gas Natural Fenosa, Iberdrola, ACS, Ferrovial Sacyr, e bancos e fondos voitre está a facer "un enorme negocio privado".

De feito, esta Proposición de Lei -indica o deputado- "amplía a superficie das Áreas de Desenvolvemento Eólico", facilitando aínda máis o pulo dun negocio "en mans dunhas poucas empresas que facturan anualmente ente 600 e 700 millóns de euros", un modelo "que deixa beneficios residuais para o país" tendo en conta "o deterioro e a destrución que produce nos nosos recursos naturais" e que ademáis "crea pouco emprego e nunhas condicións precarizadas".

FOMENTO DA PROBLEMÁTICA DERIVADA DO SECTOR MINEIRO

No sector mineiro -subraia Antón Sánchez-, esta PDL "pretende acelerar os procesos de explotación" agudizando "os problemas tradicionais que esta actividade provoca no noso país e sen solucionar nengunha das eivas", en referencia ao "descontrol ambiental" da actividade empresarial, o "caos administrativo" na caducidade dos dereitos ou "as ilegalidades e alegalidades varias".

MEDIDAS IRRACIONAIS NO PLANO FORESTAL

No sector forestal, para o vivevoceiro de En Marea, "non aparece ningunha liña que encamiñe o noso monte a un aproveitamento multifuncional, á integración do agrario e forestal, do respecto ao patrimonio, e da conservación da biodiversidade". Ao contrario, "este TTIP de andar pola casa" intenta solucionar os problemas do monte galego apostando pola eliminación de "garantías ambientais e patrimoniais", en vez de destinar máis recursos e mellorar a eficiencia da administración "para que as autorizacións e informes se realicen con axilidade".

DESREGULACIÓN NORMATIVA

Antón Sánchez denuncia o "paquete express e a medida" a nivel legal co que o PP pretende introducir unha serie de "cambios transcendentais" propostos polas patronais dos sectores eólico, mineiro e forestal, alterando á súa conveniencia a Lei de Patrimonio "para desptrotexelo", a Lei de Avaliación Ambiental "para descafeinala", na Lei de Minería "para acelerar os procesos" e na lexislación eólica "para facilitar a implantación dos parques para as grandes empresas do sector".

FUNDAMENTAL A REACCIÓN SOCIAL

O tamén Coordenador Nacional de Anova considera que a xente do común xa demostrou "a súa capacidade de resposta en momentos peores ca este" e que non debe resignarse ante a posibilidade de permitir "o saqueo do país dende as institucións que en teoría deberían defendelo". Porque a través da loita social pódesde parar esta PDL "fronte a  un Goberno que aposta únicamente polo modelo do espolio de Galiza".