Antón Sánchez califica de "modelo de expolio" o plantexamento do sector eólico promovido polo Partido Popular de Galicia

10/02/2018

O vicevoceiro de En Marea e dirixente de Anova denuncia que o plantexamento do PP, logo da aprobación da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, supón un agasallo para os grandes investidores "en canto a territorio e beneficios producidos".

O deputado Antón Sánchez nunha intervención no Parlamento de Galicia / En Marea

Deste xeito, nun sector cunha facturación que supera os 600 millóns de euros, máis do 85% do capital investido é estranxeiro, de mans das grandes eléctricas, bancos e fondos voitre.

"En cambio para o noso país só quedan as migallas" -denuncia Sánchez-, pois o único que busca o Goberno galego do PP coa chamada "Lei de Depredación" é "acelerar o espolio da riqueza de Galicia aínda que sexa a costa do impacto paisaxístico e ambiental".

O vicevoceiro de En Marea explica que actualmente Galicia exporta 1 de cada 3 megavatios da súa produción eléctrica, o que produce "moitos casos graves de impactos ambientais". Pero sen embargo, en contraste, "os galegos e galegas poden rematar pagando máis cara a electricidade por esa produción". "É o colmo do modelo do saqueo do país"-asevera o deputado-.

Por iso -recorda Antón Sánchez-, dende o grupo parlamentario de En Marea queren deixar clara a súa aposta polas enerxías limpas "pero acompañado dun modelo de desenvolvemento que beneficie á xente do país e non só a unhas poucas empresas".

Por este motivo, En Marea amosa "a súa total oposición" ao modelo impulsado polo Partido Popular a través da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, que está únicamente baseado "na concentración da riqueza produtiva do eólico nus poucos e do emprego da figura de utilidade pública para implantar proxectos de negocio privado moi lucrativos, pero pasando por riba da xente".

"O señor Feijoo tivo tempo e posibilidades para virar cara un modelo máis social, e ambientalmente máis sostible, pero opta por non utilizar o vento para crear riqueza no país, para dinamizar o rural ou para complementar as rendas das persoas do rural con outras actividades, seguindo a propiciar o espolio do país" -remata Antón Sánchez-.