Aprobada no Congreso a iniciativa para a recuperación para o público das autopistas de peaxe

14/02/2018

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, defendeu este martes no pleno a iniciativa do grupo confederal relativa á recuperación para o público das autopistas de peaxe. 

Yolanda Díaz / En Marea
“É unha anomalía que existan dous modelos: un que busca blindar os intereses privados e outro que aposta polo dereito á mobilidade. Este último é ao que temos que atender”, sinalou a deputada.
 
A iniciativa aprobouse cos votos a favor de En Marea e o grupo Confederal, do PSOE, PNV, ERC, PdCat e Compromís, e coa abstención de Ciudadanos e do Partido Popular.
 
Díaz pediu que defendamos o interese público e o ben común: “a cidadanía está farta do saqueo. O PP rescata con diñeiro público para regalar os beneficios ás empresas privadas. Son piratas do público”.
 
Ante esta situación, a deputada insistiu en que as autoestradas son un negocio “moi suculento”, dado que a AP9 ten uns beneficios do 50% cando a media da industria española é do 7%".
 
Con esta iniciativa, apróbase manter no sector público as 9 autopistas quebradas e rescatadas con diñeiro público, renunciando de forma explícita a volver privatizalas e dando marcha atrás nos pasos que xa se deron para volver a adxundicalas ao sector privado, polo que se pide que se “paralice de inmediato o procedemento de licitación dos contratos de servicios para a realización dalgunhas das actividades preparatorias necesarias para volver a privatizar estas vías".
 
Ademais, acordase que non se poden ampliar os períodos de ningunha concesión das actuais autopistas de peaxe a medida que vaian alcanzando o final do período concesional nos próximos anos, de tal xeito que a súa explotación se realice de xeito directo polo sector público, comezando polas que rematan entre 2018 e 2021.
 
"Esta iniciativa é transversal, fala das autónomas, das traballadoras, das ecoloxistas, transportistas, consumidoras...a xente dos nosos pobos e cidades. Cómpre rescatar as autoestradas para o público para garantir o dereito á mobilidade e o respecto ao medio ambiente", concluiu a parlamentar.