O PP négase a rematar coa fenda salarial e a garantir unha educación en igualdade como propón En Marea

12/03/2018

En Marea vén de presentar no pleno do Parlamento de Galicia diferentes medidas para rematar coa fenda salarial entre mulleres e homes e para garantir programas de educación en igualdade nas escolas, iniciativas que rexeitou o PP.

A deputada Paula Vázquez Verao reclamou diferentes medidas en pro da igualdade entre homes e mulleres / En Marea
A deputada de En Marea Paula Vázquez Verao explicou que a fenda salarial en Galicia é dun 28,7%, “estamos ante un cambio de perspectiva, en lugar de calcular a porcentaxe de diferenza entre os salarios masculinos e femininos, calculamos a porcentaxe do que deberían gañar máis as mulleres para equiparar o seu salario medio ao dos homes”. Vázquez Verao engadiu que son moitos os factores que penalizan as mulleres no mercado laboral, entre eles a feminización dos empregos menos remunerados. Con isto, “trasladamos ao mundo laboral os estereotipos de xénero, coupando as mulleres empregos considerados de menor valor e menos pagados”, explicou a deputada. Ademais, sinalou que as mulleres son “as precarias do precariado” porque son elas as que ocupan en maior medida os empregos a tempo parcial, temporais ou a rotación de contratos.
 
Vázquez Verao tamén destacou a “penalización da maternidade na carreira laboral tanto polo tempo de permiso como polo feito de que na crianza son as mulleres as que máis asomen os coidados”.
 
Neste contexto, a deputada de En Marea reclamou que se dote de fondos humanos e materiais o Consello Galego de Relacións Laborais para executar un acordo do Parlamento de Galicia pendente dende o ano 2016 para adoptar medidas conducentes a elevar os salarios galegos e para actualizar os estudos sobre a situación sociolaboral da muller galega. Paula Vázquez Verao insistiu en que “hai que actuar en todos os niveis da sociedade para rematar coa desigualdade e o primeiro que hai que facer é actuar nos salarios”. Así, subliñou que “é urxente elevar os salarios galegos, aumentando o SMI inmediatamente até acadar como mínimo os 1.000 euros antes de 2020 para permitir que tódalas persoas teñan un nivel de vida digno”.
 
ENSINO EN IGUALDADE
 
O PP votou tamén en contra das iniciativas propostas por En Marea para garantir que a escola sexa un axente que actúe en prol da igualdade. A deputada de En Marea Luca Chao defendeu “o papel da escola como trincheira contra o machismo” e reivindicouna como “axente fundamental a prol da igualdade” porque “do mesmo xeito que se aprende o machismo, tamén se pode aprender a igualdade e nese eido a adminstración educativa ten unha responsabilidade fundamental que a Consellería de Educación non está asumindo como debería”.
 
A deputada de En Marea propuxo a creación de prazas de axentes de igualdade nos centros educativos para poder avanzar cara equipos conxuntos de orientación e igualdade, con formación específica en prevención das violencias. En Marea considera tamén que a Xunta debería elaborar un plan de formación en igualdade para o corpo docente con formación específica en prevención e detección das violencias sobre as mulleres, así como estender a materia de igualdade de xénero a todos os cursos educativos. A deputada Luca Chao explicou que “se deben adaptar os contidos a cada etapa educativa, incluíndo bloques específicos de educación afectivo-sexual” e engadiu que “as deputadas de En Marea non podesmos entender que a formacion en igualdade sexa opcional xa que é fundamental para mellorar as nosas vidas”.
 
Doutra banda, a deputada explicou que é “urxente” desenvolver un plan de patios escolares a prol da igualdade de xeito que se aposte por xogos que promovan a convivencia e un uso dos espazos igualitario” e que é preciso que “a administración educativa actúe para que naquelas escolas que se use uniforme escolar se aposte por un modelo único de pantalón para evitar a diferenciación da vestimenta entre nenas e nenos”. Chao concluíu apuntando que “o machismo é o problema e a educación, a solución”. 
 
Temas: 

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .