En Marea reclama máis investimento público en vivenda fronte á nova burbulla que fomenta o Plan Estatal

17/03/2018

En Marea critica o Plan Estatal de Vivenda para o periodo 2018-2021 porque “impón mecanismos que alimentan unha nova burbulla” xa que, como explicou o vicevoceiro no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, “non afronta un cambio de modelo, o PP asentou as bases da crise inmobiliaria coa súas poltícas de vivenda e segue contemplándoas como un negocio en vez de como un dereito”. Deste xeito, o problema ao que non se lle fai fronte é que soben os prezos dos alugueiros e baixa o poder adquisitivo da cidadanía mentres en Galicia hai arredor de 300.000 vivendas baleiras.

Os deputados Antón Sánchez e Marcos Cal durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia / En Marea
O deputado de En Marea na Cámara galega Marcos Cal sinala que estamos ante “unha situación alarmante de primeiro nivel porque no ano 2017 incrementáronse os desafiuzamentos por impago de alugueiro en Galicia un 4,6%”. O parlamentario indica que “en Galicia non se garante o acceso á vivenda porque a lexislación e os orzamentos non son suficientes”. Esta situación é “intolerable”, afirma Antón Sánchez, “a recuperación para máis de 2.400 persoas galegas significa desafiuzamento” tres anos despois de que se acadase a recuperación económica.
 
Os dous deputados de En Marea criticaron a “práctica eliminación” do investimento de vivenda protexida da Xunta, que reduciu o orzamento nun 90% nesta “ferramenta que é a máis útil e necesaria para solventar o problema da xente que no pode acceder a un fogar”, afirmou Marcos Cal. Para En Marea é fundamental que se cree un parque público de vivenda de alugueiro pero “a Xunta lexisla en sentido contrario e reduce a reserva de chan” destinada a este tipo de construcións, denuncia Antón Sánchez. Así, no resto de Europa, a media de vivendas de protección oficial supón un 10% do total, mentres que en España ronda o 2% e en Galicia o 0,4%, só 3.000 vivendas dependen da Xunta. Ademais, Galicia está por baixo da media recomendada pola Unión Europea en investimento público en políticas de vivenda, mentres se aconsella un 2% do orzamento, Galicia executa neste concepto un 0,1%. Finalmente, tal e como subliña Marcos Cal, o Goberno de Feijóo non executa tampouco máis do 20% do presuposto asignado á rehabilitación de edificios.
 
Ante esta situación e revisadas as políticas que fomenta o novo Plan Estatal de Vivenda, En Marea reclama que o Estado regule os prezos dos algueiros e que se lle dean más garantías aos arrendatarios. O vicevoceiro da formación explica que tamén hai que aplicar medidas para mobilizar a vivenda baleira xa que “os concellos que queren introducir para os grandes propietarios de vivendas un recargo para que non saia barato ter unha casa coa que especular, non poden”.
 
Se as políticas da Xunta e o Goberno central non mundan, o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, augura “problemas para a xente porque soben os prezos pero non so salarios, nos propoñemos solucións para que os bancos rescatados con diñeiro público poñan a disposición das persoas que o precisen as vivendas baleiras e que se incremente o orzamento para a construción de vivenda pública”.