En Marea denuncia a falta de independencia da Valedora do Pobo e o incumprimento grave das súas funcións

29/04/2018

En Marea aproveitou a comparecencia da Valedora do Pobo na Comisión de Peticións do Parlamento para denunciar a falta de autonomía desa institución, reflectida no seu último informe. Un documento que obvia ou minimiza as queixas da cidadanía, cun enfoque máis centrado en respaldar as actuacións do goberno galego que en ofrecer cobertura aos dereitos individuais e colectivos. “O que atopamos son máis de 700 páxinas nas que trata de xustificar cada unha das políticas da Xunta de Galicia que teñan provocado queixas ou ineficiencias nos seus resultados; trasladando en moitos casos a sensación de que os problemas son responsabilidade dos peticionarios e non da institución”. En definitiva: “un incumprimento grave das súas funcións”. Luca Chao foi a encargada de debullar os flagrantes ataques a dereitos que a xestión do executivo de Núñez Feijóo ten provocado en áreas como a emigración e o traballo, a sanidade ou os servizos sociais.

Milagros Otero Parga, actual Valedora do Pobo / YOUTUBE
A deputada de En Marea quixo poñer o foco sobre inxustizas e recurtes sobre os que o informe da Valedora pasa nas puntas dos pés, como as lista de agarda, a mala cobertura sanitaria, ou a desatención das necesidades educativas especiais.
 
“É absolutamente intolerable que cando o desemprego e as condicións de traballo son sen dúbida un dos maiores problemas da sociedade galega, se despache esta sección en apenas dez páxinas, botando balóns fóra na maior parte dos casos e obviando que é un problema transversal sobre o que a administración pública non está actuando correctamente”, destacou a representante de En Marea. Que, ademais, tildou de “arbitraria” a relación de queixas detalladas; “case sempre empregando como referencia aquelas que poden derivar responsabilidades alleas á Xunta, como un novo elemento de transformación da Valedora do Pobo na Valedora do goberno do PP.
 
Especialmente preocupante é a falta de concreción sobre a queixa que se menciona, pero non se explica, referida ao sistema público de pensións. Unha cuestión que está sacando a milleiros de cidadáns á rúa, e que “para a Valedora, igual que para o PP, non é importante”. “Non é de recibo que se obvie unha reivindicación social” desta relevancia; e se actúe, pola contra, “como parapeto” do executivo popular, denunciou a representante de En Marea.
 
Luca Chao criticou tamén a “sucesión de excusas” que a Valedora emprega para xustificar a cada vez máis precaria situación do sistema sanitario público galego. “Falta á verdade cando fala desta situación como algo inevitable. Porque non, señora Valedora. Os recortes non eran necesarios nin inevitables. Foron recortes políticos, consecuencia de decisión políticas. E vostede non debera avalar coma se tal cousa decisións políticas, porque esa non é a súa función. Non é a valedora do Partido Popular”, recalcou a deputada de En Marea, que lembrou a situación de desprotección na que teñen quedado moitas persoas coa eliminación do dereito á cobertura sanitaria universal.
 
Na ára de servizos sociais, emprégase a mesma técnica de exonerar á administración, excepto cando se trata de casos documentados en concellos non gobernados polo PP, ou de Venezuela. Nese sentido, Luca Chao sinalou que “A Xunta incumple desde 2013 a súa propia lei ao non desenvolver efectivamente o Decreto da RISGA, que segue en tramitación”.
 
Con respecto á dependencia, continúan os retrasos nas avaliacións para o acceso ao recoñecemento de discapacidade. Algo que, tal e como destacou a deputada de En Marea, chega a ter como consecuencia o falecemento do solicitante antes de que este vexa recoñecida a súa situación.
 
No que se refire á accesibilidade, En Marea quixo lembrar á Valedora as numerosas queixas. “Esquece que a lei establecía a necesidade de eliminar as barreiras antes do 4 de decembro de 2017?”, preguntou a deputada. Que, ademais, reclamou a presentación do comprometido informe monográfico sobre esta cuestión.
 
Por último, En Marea criticou a “escandalosa asunción do argumentado do PP por parte da Valedora” no que se refire ao ensino; transformando os peches de centros en eufemísticas reestruturación ou reorganizacións. “Pretender exculpar o proceder do goberno neste asunto, con nocturnidade e alevosía, vai máis lonxe da inxenuidade: é tomar partido”, concluiu Luca Chao.