En Marea inicia a súa campaña do 17 de maio, A nosa lingua, as nosas letras #MulleresNasLetras

15/05/2018

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua. Esta celebración institúese en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear ás persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego ou pola defensa da lingua. A data conmemora o día da publicación en Vigo, en 1863, de “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro, marcando o inicio do renacemento cultural do galego. 

Ao longo da historia moitas mulleres tiveron que loitar para que a súa calidade literaria fose valorada como  merecía. Escritoras  invisibilizadas, que publicaron baixo seudónimos masculinos ou que tardaron séculos en obter recoñecemento son exemplos da fenda de xénero que inda pervive, tamén no ámbito das Letras.
 
Nos últimos anos producíronse avances en visibilizar o coñecemento construído polas mulleres, mais inda queda moito camiño por percorrer: a normalización da marxinación das mulleres na literatura/escritura é un feito. Por exemplo, podemos finalizar o ensino obrigatorio sen apenas ler algún libro escrito en galego por unha muller,  sexa porque as autoras son apenas mencionadas no currículo ou porque ningunha das súas obras se marca como  lectura.
 
Nas Letras, como noutros ámbitos, as mulleres están invisibilizadas e en moitos casos as súas biografías adoitan facer máis referencias ao seu vínculo cos homes (“fillas de…”; “esposas de…”) que o seu labor ou contribucións.
 
Desde a Marea Feminista, cara a visibilizar a estas mulleres das letras galegas (entendidas en sentido amplo), lévase a cabo esta semana unha campaña en Twitter coa que, a través do #MulleresNasLetras poremos en valor ás mulleres que teñen contribuído a dignificar a língua galega. Será significativa a figura de María Victoria Moreno, por ser a homenaxeada deste ano.