Eva Solla e Rubén Pérez fan un balance dun ano de traballo da nova coordinadora de EU e destacan o avance cara ás municipais “cun marco político amplo”

04/06/2018

“O acordo Izquierda Unida, Podemos e Equo é un traballo que levabamos anos reclamando: adiantarnos ao proceso das municipais con acordos políticos amplos, como fomos quen de facer en Galicia en 2015 con Anova e coas mareas municipais”, lembra Rubén Pérez.

Compostela, 04 de xuño de 2018. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, e Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, veñen de presentar esta mañá en rolda de prensa unha valoración sobre un ano de traballo dende que, na XII Asemblea nacional de Esquerda Unida, se renovou a dirección.

“Dende Esquerda Unida só podemos valorar de forma moi positiva o traballo feito, así como agradecer ás coordinadoras locais e comarcais da organización o traballo que se está a levar a cabo cara as Eleccións Municipais e Europeas, ademais do traballo da rúa, o pulo polo posicionamento político e a visibilización do programa desta organización; medidas propostas dende a XII Asemblea nacional de Esquerda Unida”, expón Eva Solla.

“Durante este ano tivemos moitas actividades que deron a esta organización un posicionamento claro a prol das loitas feministas, das reivindicacións na rúa -xunto ás pensionistas- ou unha perspectiva internacional -como a charla de Siria-, entre outras”. Con estas actividades, “estamos a pór en práctica as ideas trasladadas na XII Asemblea Nacional e baseadas en dar respostas á situación política e social que está a sufrir a clase traballadora”, explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Na súa intervención, Eva Solla sinalou que “temos que felicitarnos pola expulsión do Goberno central dun partido corrupto” e que é  agora cando se abre o tempo de traballar, con máis forza, na nosa proposta política. “Tamén temos que felicitarnos polo anuncio feito a fin de semana por Izquierda Unida, Podemos e Equo e que afianza o proceso de confluencia política que estamos a traballar dende 2012”, dixo.

Respecto a este proceso político, o secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, incidiu en que “o acordo Izquierda Unida, Podemos e Equo é un traballo que levabamos anos reclamando: adiantarnos ao proceso das municipais con acordos políticos amplos, como fomos quen de facer en Galicia en 2015 con Anova e coas mareas municipais”, lembra.

O secretario de Organización de EU destacou a importancia de “recuperar o que temos traballado dende 2015, así como propiciar que exista unha negociación importante e fraterna para cambiar a correlación de forzas das deputacións provinciais”, na que consideramos que a mellor ferramenta xurídica e política é a coalición.

“Concretamente, isto vai significar contar cun acordo amplo de traballo para as municipais, autonómicas e europeas. En Galicia, xa tíñamos construídas mareas, espazos de unidade popular que imos respectar. Alí onde temos construídos espazos de unidade popular que nos representan estaremos traballando conxuntamente, con compañeiras e compañeiras de Anova, Marea Atlántica... Esquerda Unida vai concorrer naqueles sitios onde non haxa outras formas para facelo, tal e como levamos feito dende sempre”.

“Este acordo abre un proxecto de traballo colectivo tanto  necesario tanto con Podemos como con Equo, aínda que seguiremos traballaremos nos espazos creados en 2015, imos cumprir co noso mandato de: conservar, coidar e facer progresar o espazo das mareas, onde nos sentimos cómodos e queremos poñer as cuestións centrais sobre a mesa con programas políticos ambiciosos e sólidos”, rematou.