Luís Villares: “O presidente da Xunta viu unha vacante e quere presentar o seu currículo ao PP, ese currículo de pretendido merlo branco que calee a fachada popular”

07/06/2018

O voceiro de En Marea, Luís Villares, preguntou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo polas súas intencións de futuro respecto a liderar o PP a nivel estatal. “O presidente viu unha vacante e quere presentar o seu currículo ao Partido Popular, ese currículo de pretendido merlo branco que calee a fachada popular” afirmou. “O presidente da Xunta fartouse de dicir que el só militaba en Galicia, que só Galicia, que política si, pero que o seu único compromiso era con Galicia. Ás portas desa sede feita en B da rúa Génova xa non di exactamente o mesmo e faise o galego na escaleira para que non saiban se entra ou sae e en nada terá que dicir, como un antecesor seu, que España es lo único importante” salientou Luís Villares.

Pese a imaxe de ´merlo branco` que quere dar Feijóo a realidade é que ten unha historia negra. “Para que a selección de persoal vaia ben en Génova, cómpre coñecer ben ao candidato” recomendou Villares para o que fixo un percorrido pola súa historia política comezando coas fotos con Marcial Dorado “polas que aínda non explicou a súa relación nin quen da Delegación do Goberno lle facilitou o acceso ás fotos nas que posaba como #narcochófer pilotando a lancha dun señor que naquela altura xa saíra 63 veces na prensa galega como sospeitoso de contrabando e narcotráfico”.

Os homicidios do SERGAS é outro dos capítulos negros do goberno Núñez Feijóo polo que tampouco deu explicacións por uns recortes en sanidade que o levaron a ordenar a privación de medicamentos a enfermos de Hepatite C, que se saldaron coa imputación a dous altos cargos do SERGAS por homicidio imprudente de oito persoas. “O PP aparta dos seus cargos a Zaplana pero Feijoo non aparta dos seus cargos a estes altos cargos da administración. Así é como fará en España” recriminoulle Villares ao presidente.

“No momento en que toda España repudia que un partido teña membros da dirección e do goberno condenados por corrupción, Núñez Feijóo oculta no seu currículo o Caso Campeón” salientou Villares. En Galicia o PP xa ten condenados aos seus propios parlamentarios por corrupción, como Pablo Covián, en relación co goberno de Núñez Feijóo. Tamén foron condenados membros do seu goberno como o Director e o Subdirector do IGAPE, nomeados polo propio Feijoo. “E que fixo a Xunta de Galicia? Mirar para outro lado, nin sequera personouse como acusación, nin para reclamar os cartos roubados” denunciou o voceiro de En Marea.

No momento en que se condena ao PP por financiamento ilegal, Feijóo oculta do seu currículo a Operación Pokemon onde o PPdeG ten o seu propio caso de financiamento ilegal con Conde Roa como protagonista. Nun momento social, en a igualdade de xénero ocupa un papel central Feijóo oculta ser o encubridor das falcatruadas sexuais de Baltar, presidente da Deputación de Ourense que lle ofreceu un posto de traballo a unha muller a cambio de relacións sexuais. Pero tamén lembrou o apoio político a un condenado por acoso como é o alcalde de Palas de Rei, condenado por prevaricación e acoso á secretaria do Concello de Palas.

“Feijóo non é un merlo branco porque aparece referenciado na Gurtel” como afirmou Villares lembrando que forma parte da dirección nacional dun partido condenado por corrupción, na súa modalidade de partícipe a título lucrativo. “Núñez está na mesma posición de dirección que Rajoy. Se sabía o que pasaba debería facer o mesmo cá Rajoy, e se non o sabía é un tipo de dirixente que non sabe o que pasa e, polo tanto, debería facer o mesmo que Rajoy” salientou.

“Este é o currículo que o presidente da Xunta pretende ocultar: tratar a narcos como empredendores, favorecer o saqueo do país, deixar que a xuventude marche e amparar a corrupción. Ante este currículo a pregunta é obvia: cando vai marchar?” preguntou Villares.

O voceiro de En Marea fixo balance tamén do goberno de Núñez Feijóo que o converteu no “campión da destrución do emprego” con 140 mil ocupados menos e 63 mil parados máis, o “campión da emigración” con 20 mil mozos forzados a emigrar cada ano, “campión das finanzas” coas mentiras sobre a fusión das caixas e a desfeita do sistema financeiro galego, e o “campión da desigualdade” colocando a Galicia por riba do limiar do 25 por centro. Un presidente que renegou de Galicia coa submisión a Madrid en temas tan relevantes como o financiamento autonómico, o tren, a AP 9 “só para caer ben en Madrid”.

“Enténdanos ben, señor Núñez, con este currículo en B, con esa pose de merlo branco de historia negra, vostede o que debería facer é irse, pero para casa. Con este currículo debería dimitir e convocar eleccións en Galicia” concluíu Villares.