En Marea destaca a necesidade impulsar a loita biolóxica contra a avispilla do castiñeiro

12/06/2018

O grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar no Parlamento unha serie de preguntas para que o Goberno galego dea explicacións sobre as accións que ten desenvolvidas para o control da avispilla do castiñeiro, e sobre todo, o estado das investigacións acerca do principal método de loita biolóxica para facer fronte á expansión da praga de cara a autorización de soltas masivas do Torymus sinensis. A deputada Paula Quinteiro salientou que Galicia acumula ata o momento arredor de 8.000 positivos detectados e que o ano pasado a praga entrou na gran zona produtora de castaña, no oriente de Ourense.

A avispilla do castiñeiro pode matar os castiñeiros máis novos nas zonas cunha gran incidencia da praga e dificulta a formación das novas ramas, traendo consigo unha diminución moi importante nalgúns casos da produción de madeira e froito. A expansión da praga é moi rápida, xa que é unha especie moi fértil que se reproduce sen a participación de machos.
 
Para combatela, a vía máis eficaz na actualidade é a loita biolóxica que consiste en combater ao insecto coa solta dun parasitoide da praga, outra avespa chamada Torymus sinensis. Esta avespa “boa” cómese os ovos da avispilla do castiñeiro e mantena controlada evitando a súa rápida proliferación. O Ministerio de Medio Ambiente autorizou até agora as soltas a contagotas. A explicación é que é necesario coñecer o efecto que pode ter esta avespa “boa” sobre os ecosistemas. “Queremos saber cantos cartos estanse a investir nestas investigacións, xa que son moitas as perdas xa se están a sufrir en Galicia. Nós sospeitamos que o verdadeiro problema é que non se está a producir un número suficiente de Torymus para poder loitar de forma efectiva contra a praga. En calqueira caso, se un dano grave fose posible no ecosistema, coa cantidade de soltas que xa se fixeron, ese dano xa estaría feito”, denunciou Quinteiro.
 
O sector pide unha solta masiva da Torymus sinensis, tal e como fixeron en Italia e Francia. Cando se trata de loita biolóxica, a rapidez da aplicación do tratamento é fundamental á hora de reducir as perdas económicas causadas polas pragas. “As experiencias noutros países indican que acadar o control da praga é unha cuestión de anos. Por iso é fundamental facer máis soltas, para salvar os nosos soutos”.
 
“A loita biolóxica co Torymus sinensis contra a avispilla do castiñeiro é clave para salvagardar o castiñeiro. Tan só desta maneira poderase manter a economía das zonas rurais que viven da súa recolección, venda e transformación” asegurou a deputada de En Marea.
Temas: