En Marea pide a dimisión inmediata da Valedora do Pobo trala sentenza do TSXG que anula a praza adxudicada á irmá do portavoz parlamentario do PP

30/06/2018

En Marea pide a dimisión inmediata da Valedora do PP, Milagros Otero, tras coñecer a sentenza na que o Tribular Superior de Xustiza de Galicia anula o nomeamento para a praza de Xefa do servizo de administración e persoal. Unha praza que segundo explica a sentenza foi aduxicada "con arbitrariedade" e "desvío de poder" por parte da valedora a unha persoa coa que tiña relación e que viña a ser María Puy Fraga, filla do que foi catedrático de Dereito da propia Milagros Otero, e que tamén é irmá do actual portavoz parlamentario do Partido Popular de Galicia. O TXSG anula esa praza, considera probada a intercesión da valedora para conceder ese posto e obriga a repetir a convocatoria. En Marea considera que a Valedora non pode continuar "nin un minuto máis" como responsable dunha institución que debe "mirar polos dereitos dos galegos".

Milagros Otero Parga, actual Valedora do Pobo / Xunta de Galicia
O voceiro de En Marea, Luís Villares, esixiu a dimisión da Valedora pola súa "actitude corrupta" e porque "non ten sentido que a presidenta da institución que ten que evitar os abusos de poder, actuase abusando do seu poder para enchufar a xente próxima a ela". Para Villares, ademais do feito de que Milagros Otero "enchufase" a unha "amiga súa", supón un "desprezo polos demais aspirantes ao cargo".
 
No mesmo sentido, o voceiro de En Marea considera "inaceptable que a mesma persoa que preside a Comisión de transparencia, tal como resalta a sentenza, se ocupe xustamente de vulnerala e entorpeza a investigación administrativa posterior para encubrir a unha persoa de confianza, María Puy Fraga, que é filla do catedrático Francisco Puy Muñoz do que a valedora se considera discípula, como recoñece a propia valedora, e ademais irmá do portavoz parlamentario do PP".
 
Luís Villares considera "inaceptable e indigno" que se utilice unha institución como a valeduría "para o beneficio particular" e que esta situación afecta gravemente ao prestixio da institución e por "dignidade democrática" a valedora debe dimitir de maneira inmediata.