Eva Solla esixe ao Goberno da Xunta que retire os expedientes do persoal auxiliar de enfermería de Vigo

15/07/2018

A deputada de En Marea, Eva Solla, vén de esixir ao Goberno galego que retire os expedientes do persoal auxiliar de enfermaría de Vigo e insta á Xunta a negociar unha solución real ao conflicto da roupa sucia, “outra das moitas consecuencias do modelo de xestión privado que impón o PP”, dixo a deputada.

Eva Solla nunha intervención no Parlamento de Galicia / Esquerda Unida
“As e os profesionais dun hospital como o vigués teñen dabondo que facer sen ter que cubrir as deficiencias dun servizo contratado a unha concesionaria”, dixo Solla, polo que “dende En Marea apoiamos as mobilizacións das traballadoras do Cunqueiro e pedimos que o Sergas atenda aos seus deberes, en lugar de deixarse facer pola empresa concesionaria do servizo”.
 
Pola súa banda, segundo reitera a deputada, “o PP segue sen facilitar a información que se lle require no Parlamento e segue desprezando ás profesionais da sanidade ao negarse a negociar con elas”.
 
Eva Solla leva moitos anos a denunciar os pésimos resultados e os elevados custos para o conxunto da sociedade que teñen as fórmulas “de colaboración público-privadas” na posta en marcha dos centros hospitalarios. Pese a isto, o Goberno Feijóo optou por este tipo de xestión para o novo hospital de Vigo, un modelo que se traduce nunha ineficiente xestión privada do mantemento, provisión enerxética e servizos do centro, con consecuencias negativas para os servizos privatizados como o da cociña, lavandaría ou mantemento, entre outros.