En Marea presenta o seu proxecto de Lei para configurar un verdadeiro sistema de rendas en Galicia

07/08/2018

A deputada Paula Vázquez Verao asegurou que a RISGA “non é máis que un parche” totalmente insuficiente e ineficaz e salientou a necesidade de lograr un sistema de protección social verdadeiramente eficaz e inclusivo

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, presentou o proxecto de Lei que o seu grupo defenderá no vindeiro período de sesións no Parlamento de Galicia para configurar un verdadeiro sistema de rendas mínimas no noso país, “porque precisamos un novo sistema galego de protección social, que sexa verdadeiramente eficaz e inclusivo”. A deputada de En Marea denunciou que actualmente “a RISGA non é máis que un parche”. “Catro anos e medio despois da súa entrada en vigor, a RISGA maniféstase totalmente insuficiente e ineficaz, pola súa escasa cobertura e ínfima contía, a descoordinación interadministrativa, a falta de coordinación efectiva entre servizos sociais e de emprego, a excesiva burocracia, arbitrariedade e opacidade na xestión, a incompatibilidade con outras prestacións de baixa contía ou os duros requisitos para o acceso á mesma” afirmou Vázquez Verao. De feito en 2017, a RISGA só cubriu ao 2 por cento da poboación en risco de pobreza(o 0,38 por cento da poboación galega) e esta prestación deixaba fóra ao colectivo de persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Ademais, Galicia ten ante unha das rendas mínimas de inserción de menor contía e cobertura do Estado.
 
Os obxectivos principais polos cales se aprobaba a Lei 10/2013 – favorecer a inserción laboral – tampouco non foron acadados na medida en que non se desenvolveron os tramos de inserción e transición ao emprego, á espera dun Decreto regulador que, debendo ter sido publicado nos seis meses posteriores á entrada en vigor da lei, a data de agosto de 2018 aínda está en tramitación. “Máis de catro anos despois, a Xunta saca en agosto o proxecto de Decreto, con 15 días hábiles de alegacións, para evitar a contestación social. O Decreto non resolve as principais eivas da RISGA” denunciou. Isto nun contexto de aumento da pobreza e a desigualdade, que se consolida en Galicia, tal como amosa a última Memoria do Consello Económico e Social de Galicia.
 
En 2017, segundo datos do Consello Económico e Social, os efectos do crecemento da economía a nivel macro, dende 2014, aínda non se fan notar na gran bolsa de persoas en risco de pobreza e exclusión do noso país, especialmente entre as mulleres, os fogares con menores a cargo, a infancia e a mocidade. Así, Galicia configúrase como unha “anomalía do norte” peninsular, cun nivel de risco de pobreza inferior á media estatal pero superior ao entorno no que nos emprazamos. A taxa de risco de pobreza, seguindo o indicador AROPE, en 2017, situábase no 22,6 por cento, o que supón unhas 612.085 persoas.
 
Coa crise, aumentou o número de fogares sen ningunha persoa perceptora de ingresos, non tendo diminuído o suficiente dende 2015, sendo aínda 34.700 os fogares nesta situación en 2017, ou cunha soa persoa perceptora de ingresos (464.700 vivendas en 2017). O contexto é a caída da poboación activa, de xeito que no 31,7 por cento dos fogares galegos ningunha persoa ten a condición de activa. Ademais, entre os fogares con poboación activa, o 9 por cento dos mesmos ten a todas as persoas en paro. Detrás desta realidade atópase, como salientou Paula Vázquez Verao, a elevada precariedade laboral no País, que fan que o salario medio e as pensións sexan dos máis baixos do Estado.
 
Así, a crise consolidou novos perfís de pobreza, ter emprego non garante a inclusión social (hai un 15 por cento de pobreza laboral) e os sistemas de protección social tradicionais, vinculados ao emprego, non funcionan. “Os sistemas de protección social do Estado español non son suficientes, hai un debilitamento dos dispositivos tradicionais de protección social e as rendas mínimas non chegan á poboación que as precisa” alertou Verao. A nova realidade da pobreza, marcada pola altísima precariedade laboral e o afondamento das desigualdades sociais,impón a necesidade dun novo modelo de renda que permita verdadeiramente a inclusión social de todas as persoas que o precisan, tamén a aquelas persoas e familias empobrecidas que non se atopen nunha situación de exclusión.
 
Temas: