En Marea levará ao Parlamento a falta de transparencia da Consellería de Economía, Emprego e Industria sobre proxectos mineiros

22/08/2018

O grupo político alerta dos novos obstáculos á información pública sobre a actividade mineira que ven de impoñer o a Xunta de Galicia coa creación dunha instrucción publicada no Diario Oficial de Galicia o 20 de agosto e que a xuizo da formación "non é senón un xeito de dar amparo legal e normalizar os límites á transparencia" para os colectivos que se opoñen ás prácticas mineiras cuestionables de moitas empresas que operan ou tentan operar no territorio galego.

En Marea denuncia a opacidade da consellería de Francisco Conde en todo o referente á actividade mineira / Xunta de Galicia

Para o vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez "os antecedentes neste asunto son claros" ao existir "unha sistemática ocultación de información" nunha actitude "escurantista e opaca" do Goberno galego e a consellería dirixida por Francisco Conde en todo o referente aos proxectos mineiros. As reticencias do Executivo autonómico do PP "veñen de lonxe" e xa foron cuestionadas por unha sentenza condatoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a negativa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas a facilitar a información que solicitara a veciñanza afectada sobre a mina de Corcoesto.

O deputado, que fala de "trabas e obstáculos constantes" por parte dos actuais responsables da Xunta, lembra ademáis que a falta de transparencia do Goberno galego tamén quedou patente logo da admisión por parte da ONU doutra denuncia relacionada coa obstaculización no acceso á información relativa aos efectos da actividade mineira, razón pola que En Marea esta situación ao Parlamento de Galicia. 

Dende en Marea tamén se recorda que hai algúns meses estes feitos tamén foron denunciados ante a Valedora do Pobo, polo que a formación sinala nun comunicado que non ten dúbidas "do novo ataque ao dereito á información" que supón a nova instrución da Consellería de Economía, Emprego e Industria publicada no Diario Oficial de Galicia o 20 de agosto.un procedemnto que non é máis que unha fórmula legal "para amparar os límites e restriccións que o Goberno galego xa ven impoñendo, que redundará nunha maior ocultación e, en consecuencia, en máis dificultades para o coñecemento da actividade relacionada coas explotacións mineiras e os seus incumprimentos".

En palabras de Antón Sánchez "o que fai esta instrución é limitar e condicionar o acceso á información, restrinxila, e darlle amparo legal á ocultación e á conivencia que o Goberno galego mantén coas empresas mineiras que destrúen o territorio e os seus recursos".

"MODUS OPERANDI" DO PARTIDO POPULAR

Xa no mes de maio, o vicevoceiro de En Marea (e tamén coordinador xeral de Anova) Antón Sánchez fixera referencia aos múltiples exemplos que evidencian a actitude do Goberno galego contraria aos intereses do país e da cidadanía , coma os das louseiras de Ourense ou todo o referente ao proxecto mineiro de Touro, afirmando que "o constante traballo a prol das empresas contaminantes e contra o país é un modus operandi do Partido Popular".

O deputado sinalou entón a Ángel Bernardo Tahoces como máximo responsable de ser "quen fabrica as escusas, as probas, fai desaparecer, maquilla as desfeitas das empresas que contaminan" e sempre "actuando a prol da actividade contaminante e contra os que defenden o medio ambiente e o país", razón pola que a formación esixiu o cese inmediato do actual Director Xeral de Enerxía e Minas.