Esquerda Unida reitera a súa defensa dun aborto libre, sen dor e gratuíto na sanidade pública

29/09/2018

Compostela, 28 de setembro de 2018. A área da Muller de Esquerda Unida reitera, neste 28 de setembro, Día pola Despenalización e Legalización de Aborto, a defensa dun aborto libre, sen dor, coa atención axeitada e gratuíto na sanidade pública galega e lembra que no noso país aínda temos moitas deficiencias neste aspecto, o que deixa ver a constante violencia contra a saúde das mulleres que vimos de denunciar en reiteradas ocasións.

Para a coordinadora da área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez, “a realidade é moi diferente e as mulleres que queren abortar atópanse con moitos problemas que semella non entender o PP coa retrógrada iniciativa lexislativa que impulsou onte e que volve a desprazar o debate. O dilema de aborto si ou aborto non, non debe existir. Só existe o debate sobre as condicións nas que as mulleres abortan, polo que soamente desde un enfoque estrutural sobre o noso dereito a decidir construiremos unha sociedade entre persoas libres e iguais”.

E como o debate do aborto ten unha perspectiva global, para Raquel Bernárdez, é de urxencia “desenvolver un marco integral que contemple: desde a despenalización do aborto, unha educación afectivo-sexual integral e sen estereotipos, ata un Estado laico que nos defenda como iguais, que xestione desde o público e que facilite e faga accesible os dereitos para todas”.

O aborto non pode ser un luxo, é xustiza social e dereitos humanos. As mulleres migrantes ou en situación irregular, atópanse con maior dificultades para abortar nun sistema de saúde que as ignora, non fala o seu idioma e que as deriva a clínicas privadas que moitas non poden pagar. Ademais, ao persoal sanitario fáltalle formación e concienciación sobre o tema.

Outra das tarefas pendentes é a normalización social do aborto, que segue a ser un segredo e moitas veces unha carga psicolóxica levada en soidade. Esta vergoña social só pódese reverter desde un enfoque integral dunha educación sexual con perspectiva de xénero e non LGTBIfóbica.

Por todas estas razóns, dende Esquerda Unida apoiamos e sumámonos ás reivindicacións polo dereito ao aborto que teñen lugar nas nosas cidades e vilas, co fin de deixar claro que o noso corpo non se xulga e a nosa decisión non se reprime, para todas en todas as partes do mundo. Vémonos nas rúas.