Esquerda Unida denuncia o abandono da Fiscalía ás mulleres vítimas de trata co arquivo dunha parte da ‘Operación Carioca’

21/11/2018

Esquerda Unida vén de denunciar o abandono da Fiscalía ás mulleres vítimas de trata ao arquivar unha parte da ‘Operación Carioca’, a causa xudicial máis extensa de Galicia e relativa ao prostíbulo Club Liverpool de Lugo, onde mulleres, e incluso unha menor de idade, eran prostituídas mentres os axentes chamados a protexelas, normalizaron a situación de violencia e explotación.

'Club Liverpool' en Lugo

A responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez critica, dunha banda, “o abandono da Fiscalía a mulleres vítimas de trata en situación de vulnerabilidade” e, doutra banda, “a inacción por parte do Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, que deciden non presentarse como acusación particular”, unha medida contemplada no artigo 125 da Constitución Española. “Estamos a falar de mulleres e tamén de menores de idade que viven en situación de pobreza, é dicir vítimas extremadamente vulnerables, con medo a ser expulsadas do país e que agora tamén son vítimas dunha xustiza patriarcal e machista”. 

Dende Esquerda Unida reiteramos que a explotación sexual é unha forma extrema de violencia de xénero e que pon de manifesto como a xustiza e a totalidade do sistema non protexe os dereitos das mulleres, e máxime os daquelas que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade, polo que condenamos o arquivo desta peza xudicial e consideramos imprescindible a aplicación de políticas reais e efectivas de cara a combater a explotación e a violencia contra as mulleres en todos os seus ámbitos.