Redacción •  Galicia •  20/11/2021

O concello da Coruña e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) organizan o martes 23 de novembro a homenaxe a Martín Ferreiro Álvarez

  • Martín Ferreiro Álvarez, concelleiro de obras públicas e tenente de alcalde na corporación coruñesa na época da República e deportado a campo de concentración nazi, faleceu no campo de Gusen no ano 1941.
  • Este acto de menbranza virá acompañado dun roteiro pola arquitectura emblemática impulsada na época na que Martín Ferreiro exerceu de concelleiro é pola presentación dun libro sobre a súa vida.
O concello da Coruña e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) organizan o martes 23 de novembro a homenaxe a Martín Ferreiro Álvarez

“Muy Sr. mío: La presente tiene el objeto de poner en su conocimiento que tengo en mi poder su atenta carta fecha de 8 de Enero, en la cual me pide una carta para poder enseñar a los hijos y señora de Martín, de como fue la muerte de su cuñado. Este murió en el Campo de Concentración de Mauthausen situado en Austria a unos treinta kilómetros de una de las más grandes ciudades de este País, en compañía de otros dos coruñeses Arturo García, y otro Andrés Adriano conocido con el sobrenombre de Chacón.

Martín pasó mucho tiempo conmigo; siempre estuvimos juntos hasta el final. Yo le quería casi como si fuera mi padre; nada pude hacer para evitar el desenlace que para mi fue muy doloroso, y sólo pido que su mujer y sus hijos tengan resignación y calma, convencidos de que su marido no hizo daño nunca a nadie, todo lo contrario: qué bueno era!; no tenía nunca una mala palabra. Murió como los hombres: por una idea”.

Estas estarrecedoras liñas dirixidas por Adolfo Bregua, supervivente do campo de exterminio de Mauthausen, a un cuñado de Martín Ferreiro Álvarez, poñían en evidencia á súa familia o seu tráxico final, transcorridos case cinco anos dende a súa morte. Cinco anos sen saber nada del, sen que as autoridades responsables deran conta do seu destino, presentindo mais non sabendo. Ignorando que fora daquel home, marido e pai, que lles escribía agarimosas cartas dende Francia tras a finalización da Guerra Civil. Agora, tristemente, xa había certeza: morrera no campo de concentración nazi de Mauthausen. Tiveron que pasar aínda varios anos para que esa rota e indefensa familia puidese ir reconstruíndo os derradeiros anos da súa traxectoria vital. Mais quen era Martín?

Nacera no ano 1892, no lugar de Outeiro no Val de Quireza (Cerdedo, Pontevedra). Era fillo dun afamado canteir e sendo moi novo transladouse á cidade da Coruña onde se vencellou ao ramo da construción. Ao tempo que se ía asentando no eido laboral, íao facendo tamén no familiar pois contraeu matrimonio coa coruñesa Palmira Ramil Medín, coa que tivo cinco fillos. Paseniñamente, levado das súas inquedanzas sociais, foi integrándose na vida da cidade, participando nas directivas de varios clubes deportivos, sendo socio do Centro de Estudios Sociales Germinal, do Casino Republicano e figurando como secretario da Liga de Derechos del Hombre.

O ano 31 marcou decisivamente a súa vida pois nel principiou a súa andaina política, ao ser elixido concelleiro, dentro do grupo do Partido Republicano Radical-Socialista, nas eleccións celebradas o 12 de abril que deron paso á proclamación da 2ª República. Desenvolveu diferentes cargos nas corporacións republicanas e pasou a cobrar máis relevancia a partir das eleccións de febreiro do 36, tras ser nomeado delegado do Concello nas obras do Parque de Joaquín Costa (Santa Margarida) e 7º Tenente de Alcalde, baixo a alcaldía de Alfredo Suárez Ferrín. Naquela altura, militaba no partido Unión Republicana, creado no ano 34 e para o que resultara elixido para formar parte do seu comité provincial.

Tras tentar opoñerse activamente ao golpe de Estado de xullo de 1936, fuxiu da Coruña, procurando agocho en Quireza, a súa terra natal, tras abrírselle unha Causa por parte das autoridades golpistas, nas que se lle acusaba de rebelión e traición. Pasou logo clandestinamente a Portugal, de onde marchou a Francia. Levado pola firmeza das súas conviccións decidiu retornar á zona republicana, desenvolvendo diferentes tarefas en Valencia e Cataluña.

Após a caída de Cataluña pasou, como moitos milleiros de republicanos españois a Francia, sendo internado no campo de acollida de Saint Cipryen. A remates do ano 39 integrouse nas Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE), que participaban na defensa francesa tras o comezo da 2ª Guerra Mundial, reforzando a coñecida liña Maginot. Durante a súa estadía alí comunicouse coa súa muller e os seus fillos repetidas veces, baixo un seudónimo feminino, dando conta da súa preocupación por eles.

Tras o avance das tropas alemanas foi capturado pola Wehrmacht, posiblemente en xullo de 1940, sendo enviado ao campo de prisioneiros ou Stalag V-D perto de Estrasburgo. Logo do non recoñecemento, por parte do goberno de Franco, da nacionalidade española dos detidos, comezaron estes exiliados a seren deportados ao campo de concentración de Mauthausen, onde foi parar Martín en decembro do ano 40. Apenas un mes despois, foi levado ao subcampo de Gusen onde, como consecuencia das extremas condicións de vida e dos traballos forzados aos que eran sometidos, faleceu en novembro dese mesmo ano 41.

Truncábase así a vida dun home que o que fixera fora defender con afouteza os seus ideais, opoñéndose á barbarie e pretendendo lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria, antepoñéndoos sempre ao seu benestar persoal.


ARMH /