Redacción •  Galicia •  04/04/2024

Preséntase en Santiago de Compostela unha Marcha Republicana o 16 de xuño

Este mércores presentouse en Santiago de Compostela a Promotora Galega da Marcha Republicana do 16X.

Preséntase en Santiago de Compostela unha Marcha Republicana o 16 de xuño

Dita promotora, integrada por un grupo de persoas militantes de organizacións e asociacións como Podemos, o Partido Comunista de Galicia, a Plataforma Galega pola Terceira República e tamén persoas a título individual, teñen como propósito central a organización e difusión da Marcha Republicana que o próximos 16 de xuño viaxará a Madrid, dende distintos lugares do Estado Español, co obxectivo central de reclamar unha república como a única alternativa democrática para España.

Na rolda de prensa, que se desenvolveu no Centro Social do Ensanche, na capital galega, interviu Nieves Gallego Rey, representante da Plataforma Galega pola Terceira República que explicou algúns dos obxectivos políticos do colectivo, e Aitor Neira que anunciou unha serie de actividades que a Promotora ten programada para as próximas semanas, como a colocación de mesas informativas, en distintas vilas do país, o sábado 13 de abril.

A rolda de prensa foi presentada por Néstor Sieira que explicou que a iniciativa naceu no II Enuentro Estatal por la República, un espazo de colaboración no que se integran decenas de asociacións, partidos políticos, organizacións, plataformas e sindicatos republicanos, que se reuniu en outubro de 2023 para poñer en común iniciativas e proxectos futuros, entre os cales destaca a Marcha Republicana do 16 de xuño.

Por último, a Promotora Galega da Marcha do 16X animan ás mulleres e homes republicanos de Galicia a participar na organización e difusión da Marcha e pon a disposición de todas as persoas que queiran contactar coa Promotora dun correo electrónico: marcha16xgalega@gmail.com.


III República /