Redacción •  Galicia •  12/11/2020

O descontrol ambiental sobre as actividades da mina de Varilongo leva a «marca da casa» de Ángel Bernardo Tahoces, denuncia Anova

A formación respalda as denuncias dos colectivos ecoloxistas contra as verteduras de augas residuais procedentes da contorna da antiga explotación, presumiblemente ácedas e con presenza de metais pesados. 

O descontrol ambiental sobre as actividades da mina de Varilongo leva a «marca da casa» de Ángel Bernardo Tahoces, denuncia Anova

Para Anova, este «descontrol ambiental» tolerado en Santa Comba leva a «marca da casa» do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais Ángel Bernardo Tahoces, que xa foi imputado por un caso semellante na mina de San Finx en Lousame (A Coruña), e que «demostra unha vez máis a complicidade do Goberno de Feijóo con prácticas contaminantes sostidas no tempo».

Segundo sinala a formación política nun comunicado, a día de hoxe, a realidade en Varilongo é que «pese a non contar con permiso de vertedura ao dominio público hidráulico estanse a producir estes feitos de maneira ilegal ao non contar a concesionaria coas autorizacións administrativas e ambientais necesarias», pois como denunciaron colectivos ecoloxistas como Ecoloxistas en Acción e Petón do Lobo a resolución de transmisión dos dereitos mineiros do 25 de marzo de 2009 esixía como requisito previo un procedemento de avaliación de impacto ambiental.

A organización considera sorprendente, sen embargo, que mentres esta situación segue a acontecer, «dende a Administración autonómica non se actúa como sería preceptivo, paralizando de inmediato a actividade e incoando o correspondente expediente sancionador», o que a xuizo de Anova ven a demostrar unha vez máis «que a Xunta de Galicia opta pola tolerancia con este tipo de prácticas contaminantes e actúa como colaborador necesario amparando á actividade da empresa á marxe da legalidade vixente».

Por estes motivos, Anova demanda á Xunta de Galicia «que remate coa eterna opacidade na súa política mineira», que na práctica «impide ter un control real do que acontece nas explotacións en caso de prácticas irregulares», co obxectivo de que «ninguén faga negocio a costa de danar o medio ambiente e endosar ás arcas públicas os pasivos ambientais que debería asumir o promotor da actividade extractiva».


Ángel Bernardo Tahoces /  Anova /  Antón Sánchez /  Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais /  mina de Varilongo /  Santa Comba /  Xunta de Galicia /