Redacción •  Galicia •  02/10/2023

A CIG denuncia ao Estado español no Comité Europeo de Dereitos Sociais

Incumpre a Carta Social Europea, que recolle que o SMI ten que ser do 60% do salario medio e non chega ao 50%.

A CIG denuncia ao Estado español no Comité Europeo de Dereitos Sociais

A Confederación Intersindical Galega vén de anunciar a  presentación dunha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) polo incumprimento do Estado español da contía do salario mínimo interprofesional (SMI). A Carta Social Europea contempla que o SMI sexa do 60% do salario medio. Porén, segundo Eurostat apenas chega ao 50%, o que xa vén denunciando a CIG desde 2019.

Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que a central sindical viña reclamando, desde o ano 2015, que o Estado español se adherira á Carta Social Europea (CSE), algo que por fin se efectivizou en xuño de 2021, momento no que subscribiu tanto a CSE na súa versión do ano 1996, como o Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995.

Feito isto, a central sindical presenta agora esta reclamación polo incumprimento do artigo 4.1 da Carta Social Europea, ao non ser suficiente a contía fixada para o SMI, por Real Decreto, en febreiro deste ano, malia no seu propio preámbulo afirmarse que con esa actualización do salario mínimo interprofesional se daba “cabal cumprimento ao disposto polo Comité Europeo de Dereitos Sociais en aplicación da Carta Social Europea”.

Unha afirmación que Carril considerou falaz porque nese R.D. fixouse o SMI en 1.080 euros brutos mensuais en catorce pagas, cantidade que, afirmou, “non é conforme co artigo 4.1 da Carta ao ser claramente inferior ao 60% do salario medio neto español, cuantificado en 17.016,17€ brutos/ano por Eurostat para o ano 2022”.

SMI en 1.215,42€/mes en 14 pagas

Coa interposición desta reclamación colectiva, que o secretario xeral da CIG explicou que se presenta “porque o Goberno leva anos facendo caso omiso ás nosas advertencias”, o sindicato nacionalista pretende que o CEDS declare, precisamente, que a contía do SMI para 2023 debe ser acorde coa Carta Social Europea e, polo tanto, fixarse en 1.215,42 € ao mes en 14 pagas.

Establecer esta media suporía, segundo Carril, garantir “un nivel de vida digno para as persoas traballadoras e as súas familias” e atinxiría, segundo afirmou o secretario confederal de Emprego e Industria, Francisco González Sío, a 574.000 traballadoras e traballadores galegos, o 54% das persoas asalariadas en Galiza, con ingresos inferiores ao SMI. Traballadoras e traballadores que, afirmou, “sofren pobreza laboral” e para as que considerou que é imprescindíbel “dignificar a súa situación social e laboral”.

O secretario xeral da CIG explicou que a central sindical, para facer o cálculo, recorreu sempre aos datos dos módulos salariais que publica a Axencia Tributaria (que cuantifica en 28.301€ o salario medio, o que daría un SMI de 1.212,9€) porque “permiten coñecer de forma máis fidedigna e obxectiva os ingresos reais das e dos traballadores”. Deste xeito, os cálculos da central sindical difiren minimamente dos de Eurostat, que fixa o SMI no Estado español, nun 49,36% do salario medio, que cifra en 28.360,29€/ano, o que daría un SMI de 1.215,42. Cálculo que a central sindical aporta para avalar a súa denuncia perante o Comité.

En todo caso o CEDS, xa instou a España en múltiples ocasións, a elevar o seu SMI como requisito necesario para cumprir a Carta e determinando que a situación a actual “non é conforme ao que se determina para garantir un nivel de vida digna”; o CES español no seu último informe tamén calcula que o SMI non chega ao 50% do salario medio e a propia UGT acaba de asumir as teses da CIG, ao recoñecer que se incumpre a Carta Social Europea. Posición, esta última, á que Carril deu a benvida e diante da que agarda que “actúe en coherencia, non perpetuando este incumprimento a través do diálogo social”.

Grupo de expertos

Diante disto, o secretario confederal de Emprego reclamou que se mude o método científico empregado para o Estado español facer os cálculos. Nese sentido, cuestionou o “grupo de expertos” que o asesoran, por basear eses cálculos na Enquisa anual de estrutura salarial do INE que, afirmou, “non ten rigor científico” porque é “unha mostra realizada a 220.000 persoas traballadoras en 28.500 centros de traballo, mediante un cuestionario que é cuberto polas propias empresas”, pero sen participación das persoas traballadoras.

Cuestionou tamén a ese grupo de expertos, conformado por persoal dos propios sindicatos, patronal e dos Ministerios de Traballo, Economía e Facenda por dar por boa unha enquisa e non empregar datos reais e reclamou que para calcular o salario medio se crucen os datos da declaración da Axencia Tributaria cos da Seguridade Social, únicas fontes que garantes datos reais.


CIG /