André Abeledo Fernández •  Opinión •  27/05/2022

No Día das Letras Galegas non podemos esquecer que falar galego fainos galegos

O Día das Letras Galegas debe de ter un significado especial, debémoslle dar unha importancia que vai máis ala do día festivo e dos actos culturais, neste día debemos lembrar a situación actual do idioma galego, e tamén a súa historia como ferramenta de comunicación do pobo galego.
O galego foi atacado e aldraxado durante séculos. E hoxe en día en moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.
Non fai tanto tempo, practicamente nada no reloxo da historia, durante a ditadura franquista, nos xornais galegos podíase ler en perfecto castelán “no sea animal hable castellano”.
En moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra
Miña nai contábame como a súa profesora na escola rural non falaba máis que castelán, e como os nenos que falaban en galego eran ridiculizados, e non falo dunha gran cidade, falo da parroquia de “Anca”, unha pequena aldea, entón labrega, onde en todas as casas falábase en galego.
O galego foi sempre a lingua da clase traballadora galega, o idioma da resistencia dun pobo que quería seguir falando o seu idioma para non deixar de ser.
Hoxe en día falar galego na Galiza continúa sendo un acto de reivindicación e rebeldía fronte o nacionalismo casposo herdado do franquismo.
O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado para recuperarse das feridas de tantos anos de oprobio.
O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado
O galego é o noso tesouro, e Galiza é unha nación, un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.
Todas as linguas, todos os idiomas, son igual de importantes, naceron despois dun longo proceso e a súa perdida é sempre irreparable.
É importante ter sempre presente, como ben dixo Castelao, que “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.
Falar galego na Galiza continua a ser un acto necesario, atrévome a dicir que ata revolucionario, para seguir sendo.
O noso idioma continua a estar en perigo por acción e por omisión dun goberno da Xunta de Galicia que o menospreza, en vez de defendelo como un tesouro, como parte da identidade do pobo galego, unha parte imprescindible para seguir sendo galegos.
O galego na Galiza foi sempre o idioma da clase traballadora, o idioma do campesiñado, da casa do humilde, o idioma do pobo que non dos señoritos.
O goberno do PP tanto na Galiza como en Madrid veu sempre o feito identidario de ter un idioma propio na Galiza, como en Catalunya, ou Euskadi, como un perigo para a sacrosanta unidade do Estado español, como unha agresión ao españolismo rancio que eles representaban.
Non hai idiomas de primeira e de segunda categoría, todos os idiomas do mundo deberían ser declarados patrimonio da humanidade, porque son moito máis que un xeito de comunicarse, son o froito da evolución dos pobos, son séculos de construción dunha comunidade lingüística.
O feito de que no Estado español convivan catro idiomas como son o castelán, o catalán, o euskera e o galego debería ser visto como un tesouro, como unha posibilidade de enriquecemento mutuo.
Por desgracia no Estado español non é así, segue a ter xente que pensa que falamos galego para molestar, que o facemos por ignorancia, ou que falar galego é un atraso, é xente que non entende nada, e vai dar igual que lle o expliques en galego, en castelán ou en chino mandarín, porque non queren entender, os move o odio e o medo ao diferente, os mantén na ignorancia a herdanza do nacional catolicismo e o franquismo da «España una, grande y libre» que nunca foi ningunha das tres cousas nesa escura etapa.
Por ese motivo debemos continuar a loita porque no Estado español se entenda que non existen idiomas de primeira e de segunda categoría, que o idioma da Galiza é o galego e iso non é unha agresión é unha realidade a longo de séculos de historia, que os idiomas non separan se non que abren fronteiras na terra e na mente. Debemos esforzarnos en que entendan que cando usamos o galego na nosa vida diaria non o facemos por amolar, nin sequera como unha opción política, o facemos porque estamos na Galiza, porque o galego e o noso idioma, porque nos peta e danos a gana de falalo, e sobre todo porque é unha necesidade defender un patrimonio do noso pobo tan importante como o galego. A nosa obriga é recuperar e salvagardar o noso idioma para as futuras xeracións.

Opinión /