Redacción •  Galicia •  07/07/2016

Xabier Ron lamenta que o goberno de Feijóo permita o deterioro do Dolme de Dombate

O deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida demanda que a titularidade e xestión do Dolme de Dombate “sexa pública” e estea orientada a “preservar e dar a coñecer este Ben de Interese Cultural para o goce da cidadanía”.

“Se hai un monumento patrimonial en Galicia que mereza a máxima consideración social, legal e cultural é, sen dúbida, o Dolme de Dombate. Este dolme é agora mesmo de titularidade provincial e, sabemos, que se está xestionando co Concello de Cabana de Bergantiños a través de convenios que establece esta deputación, dona do ben dende 1975”, apuntou esta mañá en Comisión de Cultura o deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida Xabier Ron.

“Deixando de lado evidencias que demostran que un concello pequeno non pode contar cos recursos suficientes para manter como se merece un ben de dimensión internacional como é o Dolme de Dombate, consideramos que o máis acaído é que a titularidade e a xestión plenamente públicas sexan da Xunta de Galicia e que, loxicamente, ela estableza os convenios de cooperación oportunos co Concello de Cabana de Bergantiños”, demandou Xabier Ron.

O deputado de AGE lamenta a decisión adoptada polo PP, que se nega a aceptar a súa responsabilidade política ao non asumir a titulariedade e a xestión do Dolme de Dombate, “un Ben de Interese  Cultural de incomparable  beleza patrimonial”. Ao seu xuízo, a Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, “debería encargarse  de  salvagardar,  protexer, dar a coñecer e velar pola integridade  do  patrimonio  cultural  galego; o que parece non entender”.


Galicia /