Creative Commons •  Redacción •  Galicia •  30/09/2017

En Marea esixe a Fomento que pare o desmantelamento de FEVE e mellore a súa infraestrutura e aumente a plantilla

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha batería de preguntas dirixidas ao Ministerio de Fomento co obxectivo de reclamarlle que se paralice o paulatino desmantelamento que se está a producir pola vía dos feitos da antiga liña de FEVE entre Ferrolterra, Ortegal e A Mariña.

En Marea esixe a Fomento que pare o desmantelamento de FEVE e mellore a súa infraestrutura e aumente a plantilla
En diversas ocasións dirixiuse Fernán Vello a Fomento pola penosa situación de abandono desta conexión ferroviaria, a única existente no noroeste galego. “Adif coñece perfectamente as deficiencias, carencias, insuficiencias e os constantes problemas da liña de ancho métrico. Pero nada resolve e incluso reduce o orzamento adicado a este tema”.
 
Para Fernán Vello “resulta terríbel que exista esta desidia e indiferencia respecto a unha liña necesaria e útil para os habitantes de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña”. A súa mellora, enfatiza, “reportaría grandes beneficios sociais, económicos e territoriais, e non esquezamos que tamén funciona como  ransporte de mercadorías”.
 
O deputado de En Marea destacou a reclamación feita neste mesmo mes de setembro por un usuario debido á falla de interventores nos trens, ausencia “moitas veces denunciada nas nosas inciativas pero á que Fomento pasa de poñerlle remedio. A falla de interventores non só leva aparellada unha cuestión económica, tamén leva implícita a seguridade e o servizo de información a usuarios. E cada vez vai pior”.
 
“É doado deducir que esta situación reiterada día tras día é un golpe directo ao financiamento da liña. Deixar de cobrar billetes de tren é un auténtico despropósito que agranda o estado lamentábel desta conexión, e da argumentos sobre a súa insostenibilidade. Abandonar por completo unha liña e non cobrar os billetes de tren é algo inasumíbel e denota unha xestión pésima”, criticou Fernán Vello.
 
O deputado de En Marea aportou os dados da Plataforma de Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo que contabilizou desde xuño e até setembro case 90 incidencias nos tramos correspondentes á Mariña de Lugo. “No sentir maioritario dos habitantes da comarca está a sensación cada vez máis clara de que existe un plan premeditado para deixar morrer o ferrocarril”.

En Marea /  FEVE /