Redacción •  Galicia •  19/04/2018

Carlos Sánchez Mato, Eva Solla, Manuel Lago e Albino Prada debaten na Coruña sobre un modelo de financiación que asegure un sistema de pensións sostible

Esquerda Unida organizou este mércores o coloquio: “Reformular o Financiamento do Estado: Como garantir as nosas pensións públicas: ”, impartido por Carlos Sánchez Mato, Eva Solla, Manuel Lago e  Albino Prada, un debate no que as e os participantes expuxeron as súas propostas de reformular o financiamento de Estado coa fin de garantir unhas pensións públicas e dignas para a cidadanía.

Carlos Sánchez Mato, Eva Solla, Manuel Lago e Albino Prada debaten na Coruña sobre un modelo de financiación que asegure un sistema de pensións sostible

Carlos Sánchez Mato, Responsable de Políticas Económicas de IU, destaca que as políticas neoliberais que nos desgobernan son as que fan que as rentas máis altas saian beneficiadas. “O problema da financiación é que, da tarta (un 9,9% do PIB), cada vez se reparte algo menos para pensións: é un problema de vontade política e, a deriva vai ser a máis”, apunta. “O Ministerio de Facenda pon limitacións arbitrarias que cuestionan os gobernos que non son da súa corda. O conselleiro de Facenda de Galicia fai cadrar as contas coa estratexia dos recortes”. “Agora o modelo é facer que o gasto creza menos que o IPC para continuar coa redución do gasto público en beneficio do privado”, sinala.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, manifestou que “o que está claro é que uns teñen moito e outros nada. En Galicia, un 40% dos e das pensionistas viven en situación de pobreza e exclusión social. Que facemos ante isto?. Estamos a vivir unha serie de protestas na rúa que poñen de manifesto que vivir coas pensións de hoxe en día é imposible”, destacou.Para o deputado de En Marea, Manuel Lago, é fundamental asegurar “un sistema de pensións sostible, pero tamén que as pensións sexan suficientes para vivir”, explicou. E lembrou que, “de aplicar o factor de sostenibilidade, que entra a partir de 2019, as pensións se recortarán aínda máis e, doutra banda, a subida do 0,25% que propón o Goberno para as pensións é unha miseria”. “A recadación mensual da seguridade social dunha cotización máxima é de 1061 euros, unha cotización mínima ingresa na caixa da seguridade social 243 euros. Para pagar unha pensión son precisos catro empregos precarios namentres que coa cotización máxima só faría falta unha persoa”, explica. Por todo isto, “o debate está no reparto da riqueza, de aí que non se poden permitir as ameazas daqueles que din que se ten que pagar impostos marcha a outro lugar”, sinala.

Albino Prada, economista e profesor da Universidade de Vigo, sinalou a necesidade de definir un modelo financeiro que permita mellorar a calidade de vida das persoas. “A insuficiencia recaudatoria deste país pasa pola evasión de impostos. Ninguén fala de reforma fiscal pero é imprescindible falar sobre que facer co IRPF ou co imposto de sociedades, entre outros. Somos o país europeo que máis ten subido a débeda pública e o deterioro social e, aínda así, este goberno sigue propoñendo unha baixada de impostos”, di. “Montoro sabe de amnistía e sigue facéndonos crer que o positivo é non pagar impostos. 800.000 empregos menos entre o 2000 e 2016, o gasto público pasou de 46% ao 50 % e Montoro sigue axudando aos seus, a eses que evaden e a eses que montan o negocio privado a conta do deterioro público”, critica.


Albino Prada /  Carlos Sánchez Mato /  Eva Solla /  Manuel Lago /