Redacción •  Galicia •  28/06/2018

28 de xuño de 2018: Día do Orgullo e a Liberación LGTBI

"Stop LGTBIFobia, Stop precariedade! Vivir libremente, vivir dignamente".

Dicimos basta á LGTBIfobia, dicimos basta á precariedade. Queremos vivir libremente, vivir dignamente. Precarias quérennos, rebeldes seremos!

28 de xuño de 2018: Día do Orgullo e a Liberación LGTBI

Manifesto de Esquerda Unida: «Stop LGTBIFobia, Stop precariedade! Vivir libremente, vivir dignamente».

A precariedade é inherente ao neoliberalismo. A precariedade atravesa e marca as nosas vidas. Lesbianas, gais, bisexuais, trans e intersex pelexamos día a día para defender a nosa dignidade nun sistema capitalista, machista e heteropatriarcal que continúa patoloxizando as nosas identidades e discriminando os nosos corpos e desexos. A pesar de todo, non nos rendemos: existimos, loitamos e resistimos.

Este sistema condénanos a vidas precarizadas marcadas por profundas desigualdades. As persoas LGTBI experimentamos aínda diversas situacións de discriminación pola nosa orientación sexual, identidade de xénero e expresión de xénero. Sufrimos agresións e delitos de odio nos nosos barrios, acoso nos nosos centros de traballo e de estudo, discriminación nos nosos hospitais. A LGTBIfobia aínda mata e a impunidade remata, como demostra o alarmante nivel de suicidios (mellor dito, asasinatos) de menores LGTBI. Querémonos vivas e seguras. Nin unha morte máis.

Mentres tanto, o Congreso parece mirar cara a outro lado irresponsablemente e segue obstaculizando o debate e a aprobación de leis integrais que contribúan a garantir de forma efectiva a protección dos nosos dereitos de cidadanía. As persoas LGTBI loitamos e conquistamos o matrimonio igualitario, tamén unha lei de identidade de xénero. Pero isto non é suficiente, a loita continúa e debemos afondar nela, porque a igualdade social e real é aínda unha gran materia pendente.

Celebramos, como unha vitoria do movemento LGTBI, a aprobación de normas autonómicas para protexer a igualdade de dereitos das persoas LGTBI, pero esiximos que estas normas conten co desenvolvemento e o financiamento necesarias, involucrando e fomentando a participación do tecido asociativo LGTBI.

Sabemos que a precarización das nosas vidas é producida polo cruzamento de desigualdades e discriminacións que experimentamos. Somos persoas LGTBI, pero tamén mulleres, traballadoras, estudantes, persoas vivindo con VIH, xitanas, persoas con diversidade funcional, habitantes do medio rural, migrantes, refuxiadas, etc. E todas estas identidades contribúen a reforzar as nosas situacións de discriminación, violencia e precariedade. Queremos vivir, non sobrevivir.

Ao mesmo tempo, as persoas LGTBI sufrimos especialmente os efectos dun sistema violento, excluínte e inxusto que viola os dereitos das maiorías sociais. Vivimos a pobreza, o paro, a censura e os ataques á liberdade de expresión, a privatización e a deterioración dos servizos públicos, as redadas racistas, os desafiuzamentos, os atentados contra o sistema público de pensións, a violencia machista e os feminicidios, a explotación sexual, a emigración e o exilio. Por iso, ocupamos as rúas coas compañeiras feministas o 8 de marzo, co movemento sindical o 1 de maio, coas e cos pensionistas que defenden a súa dignidade ou cos colectivos que reclaman unha memoria democrática para construír un futuro republicano. Desde a nosa diversidade, queremos achegar á necesaria construción dun novo proxecto de país.

Hoxe 28 de xuño, manifestámonos un ano máis para reivindicar o noso orgullo e a liberación dos nosos corpos, as nosas identidades e os nosos desexos. Pero, non queremos facelo soas, senón unindo loitas desde a solidariedade para conquistar un futuro digno para todas e todos. Só loitando unidas e con rebeldía seremos capaces de enfrontar a discriminación e a precariedade que o capitalismo nos segue impondo.

Dicimos basta á LGTBIfobia, dicimos basta á precariedade. Queremos vivir libremente, vivir dignamente. Precarias quérennos, rebeldes seremos!


Día del Orgullo y la Liberación LGTBI /