En Marea •  Redacción •  Galicia •  03/09/2017

En Marea visita a zona afectada polo proxecto eólico Mouriños e denuncia o servilismo da Xunta a favor das eléctricas

O viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, e o deputado Francisco Casal visitaron este domingo xunto con representantes de Salvemos Cabana os terreos da Serra do Gontón donde Gas Natural Fenosa pretende a instalación deste polémico proxecto industrial.

En Marea visita a zona afectada polo proxecto eólico Mouriños e denuncia o servilismo da Xunta a favor das eléctricas

Logo da visita, Antón Sánchez denunciou que a Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais presentada polo PP «é un compendio de medidas que buscan dar máis privilexios ás grandes empresas de determinados sectores estratéxicos, e minar as posibilidades da cidadanía para facerlles fronte reducindo á mínima expresión a participación pública e as garantías ambientais».

Neste sentido, para Sánchez é unha mostra máis a súa Disposición Adicional segunda onde se definen os proxectos declarados de especial interese e as consecuencias que terá esta declaración.

Deste xeito serán declarados proxectos de especial interese os que se desenvolvan no marco de poxas para a asignación de réxime retributivo específico a instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de tecnoloxías renovables, impulsadas ao amparo do disposto no Real Decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos. «A consecuencia que terá esta declaración de aprobarse esta lei nestes termos é que automaticamente será considerada prioritaria a súa tramitación e os prazos para a súa autorización e para a tramitación ambiental serán reducidos á metade» -sinalan dende En Marea-.
 
«Ademais a súa declaración de utilidade pública será outorgada polo órgano competente en materia de enerxía  e suporá automaticamente a prevalencia deses proxectos sobre outra utilidade pública sexa o aproveitamento do monte, o sector turístico ou a preservación dos valores ambientais» -inciden dende a formación-.
 
É un escandaloso outorgamento de privilexios para as empresas eléctricas que sexan adxudicatarias do sistema de poxas que desenvolvan proxectos de parques eólicos, plantas de biomasa, de queima de residuos, ou de coxeneración, que terán o camiño expedito para levalos a cabo de xeito rápido pasando por riba dos dereitos das persoas propietarias do terreo, e por riba do dereito deste país a integrar outros usos no seu territorio e a conservar os seus valores ambientais e paisaxísticos» -asegurou o deputado Antón Sánchez-.

«Estes proxectos son negocios suculentos e privados e sen embargo o señor Feijóo aposta por dar máis poder ás empresas e dificultar as posibilidades de oposición social que terá a metade de tempo e menos posibilidades de facerlle fronte. “Con esta proposición de lei aínda sería máis difícil, practicamente imposible facer fronte a proxectos coma o do Parque de Mouriños que supoñen un beneficio enorme para a empresa e prexuício para a veciñanza” -salientou-.
 
O viceportavoz de En Marea lamentou que non se atenta á xente para a que “a prevalencia é conservar o Castelo de Borneiro e o seu entorno como un patrimonio único e non colocar alí uns aeroxeneradores porque sexa o mellor lugar para darlle negocio a Gas Natural-Fenosa”.
 
En Marea advirte de que se xa é difícil para a sociedade civil facerlle fronte a estes xigantes empresariais coa lexislación actual máis o será si isto se aproba. “Demostra que a prevalencia de Nuñez Feijoo é do interese privado sobre o interese público” -concluíu-.

 

 

 


Cabana de Bergantiños /  En Marea /  Gas Natural Fenosa /  Partido Popular /  proxecto eólico Mouriños /  Xunta de Galicia /