Amigos da Terra •  Redacción •  Galicia •  16/09/2016

Amigos da Terra, Sustinea e a Masa Crítica, celebran o PARK(ing) Day en Ourense

Co inicio da Semana Europea da Mobilidade, os colectivos uníronse para reivindicar o espazo para as persoas na cidade.

Amigos da Terra, Sustinea e a Masa Crítica, celebran o PARK(ing) Day en Ourense

Coincidindo co inicio da Semana Europea da Mobilidade, tres colectivos da cidade uníronse esta mañá na reivindicación mundial do PARK(ing) Day, un evento anual aberto á participación da cidadanía, que consiste en converter unha praza de aparcadoiro nun xardín efémero ou temporal, transformando así o contexto urbano para reclamar de cidades máis vivibles e humanas.

A organización ecoloxista Amigos da Terra, a asociación para o desenvolvemento sostible Sustinea, e o colectivo de ciclistas urbanos Masa Critica Ourense, quixeron así chamar a atención para promover a necesidade de aumentar e mellorar os espazos verdes en Ourense, para propiciar o gran beneficio que xardíns, plantas e árbores achegan á saúde das persoas, ao medio ambiente, á economía e á cohesión social. Os espazos verdes, fomentan as relacións sociais entre persoas, convidan a pasear e ser vividos,  melloran a calidade do aire e o clima urbán, á vez que promoven o desenvolvemento económico do comercio local.

Os colectivos ocuparon desde as 10h30 desta mañá unha praza de aparcadoiro na zona azul da rúa Ramón Cabanillas, pagando o correspondente ticket da ORA para ocupar o espazo durante toda a mañá.

Nas declaración aos medios, ademáis da reivindicación de máis espazos verdes na cidade, os colectivos manifestaron tamén o seu desacordo e decepción coa estratexia de mobilidade na cidade de Ourense, para a cal se creou a mesa de mobilidade da cidade, da que forman parte xunto con outras moitas organizacións cidadás, e que está amosando unha preocupante inoperatividade, ao non ser vinculantes as decisións que nela se toman e así, seguir perpetuando na cidade problemas como a sobresaturación do tráfico a motor, e a falta dunha aposta por pacificalo para conseguir unha cidade máis amable.

A misión do PARK(ing) Day é chamar a atención sobre a necesidade de espazos urbanos  máis abertos, xenerar un debate crítico ao redor de como está creado o espazo público, e para mellorar a calidade do hábitat urbano para a cidadanía.

Máis de 70 xardíns efémeros distribuíanse en diferentes cidades e vilas españolas e mundiais neste 16 de setembro. Nalgúns casos coa colaboración dos propios concellos, cidades como Santiago de Compostela, Madrid, Salamanca, Móstoles, Valencia, Bilbao, Zaragoza, Burgos, As Palmas de Gran Canaria ou Murcia acollían hoxe esta reivindicación que desde o ano 2015 se celebra mundialmente no terceiro venres do mes de setembro.


Amigos da Terra /  Parking Day /