Redacción •  Galicia •  16/09/2020

CCOO cualifica de «catastrófico» o comezo do curso escolar desenvolvido polo PP de Feijóo

A masificación nas aulas —con moitas unidades que superaban os 25 nenos e nenas— e a falta de profesorado e de persoal de limpeza complicaron aínda máis a situación, que xa se prevía difícil por mor do contexto sanitario.

CCOO cualifica de «catastrófico» o comezo do curso escolar desenvolvido polo PP de Feijóo

Debido ás múltiplas eivas, a maioría dos sindicatos do ensino convocaron folga para o 10 de setembro, ao que a Consellaría respondeu fixando uns servizos mínimos «desproporcionados» e facendo un «boicot lamentable» ao exercicio dun dereito fundamental.

A presión dos sindicatos, pero tamén dos equipos directivos dos institutos, polos constantes «bandazos» da Consellería de Educación no tocante ao protocolo COVID, obrigaron a Administración a atrasar unha semana o comezo do curso en educación secundaria: do 16 ao 23 de setembro.

Neste punto, CCOO-Ensino cualifica de «mentiras» os argumentos da Consellería para adoptar esta decisión. Segundo o departamento autonómico, o novo prazo é necesario para garantir os desdobramentos nas aulas masificadas; porén, as instrucións da inspección educativa instan a que se utilicen anteparos de separación para non ter que desdobrar unidades. Deste xeito, «atopariámonos con aulas de trinta ou máis alumnos e alumnas», alerta o sindicato.

Sexa como for, CCOO-Ensino asegura que «o día 23 haberá igualmente problemas no comezo do curso en secundaria», xa que vai ser «imposible» dispor a tempo de todos os anteparos precisos.

O sindicato anima os equipos directivos a denunciaren os casos en que se lles neguen os desdobramentos. «Entendemos que desdobrar é o que indica o protocolo, para o cal, en consecuencia, cumprirá aumentar profesorado», sinala CCOO.

FOLGA PARA O DÍA 23 DE SETEMBRO

Desde a Federación do Ensino de CCOO conclúen que estamos «ante a peor xestión posible dun inicio de curso escolar», cunha conselleira destituída a tres días da volta ás aulas e un revezamento completo na cúpula da Consellería. Agora, o comezo de curso en secundaria adíase polos cambios de criterio da Administración e milleiros de docentes non saben onde impartirán aulas este ano.

Por todo isto, CCOO-Ensino explica que a convocatoria de folga tamén varía a súa data e será o día 23 de setembro, cadrando co comezo do curso na educación secundaria.


Alberto Núñez Feijóo /  CCOO Galicia /  Consellería de Educación /  Educación pública /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /