Redacción •  Galicia •  17/12/2016

O plenario 17D é un paso máis no proceso de consolidación de En Marea

Luís Villares e María José Bóveda salientan as máis de mil persoas inscritas nunha semana para participar nos debates e nas decisións políticas de En Marea.

O plenario 17D é un paso máis no proceso de consolidación de En Marea

Tanto o voceiro parlamentario de En Marea como a integrante de Coordinadora sinalaron que este Plenario, que se celebra mañá na Facultade de Filoloxía de Santiago entre as 10.00 e as 19.00,  é un chanzo máis nun proceso aberto dun proxecto político baseado na democracia e na xustiza social.

María José Bóveda explicou que a inscripción xa superara ampliamente o millar de inscritos á hora de celebración da rolda de prensa (12.00). Bóveda sinalou que o proceso de inscrición permanecerá aberto e que será utilizado no futuro como un dos medios fundamentais para participar nas actividades e na toma de decisións de En Marea.

Para Luís Villares, o plenario é un paso na consolidación de En Marea como «proxecto político en movemento e unha demostración de participación». Villares apuntou que o mesmo «feito de que en menos dunha semana se inscriban máis de mil persoas, tendo en conta o intenso ano político que levamos, quere dicir que a xente ten ganas de participar e que respalda a construción deste proxecto político aberto e participativo».

Para o portavoz parlamentario de En Marea explicou que a intención para este Plenario
«é responder ás demandas que a xente nos foi facendo en todas as reunións que mantivemos coa cidadanía desde que chegamos ao Parlamento de Galicia». Villares sinalou que a intención coa celebración do plenario non é «politizar a crítica, senón politizar a ilusión para organizar esa maioría social que quere unha Galicia mellor». Subliñou Villares que o plenario é tamén «a demostración do ánimo participativo que ten En Marea para seguir sumando máis xente a este proxecto político».


En Marea /