Redacción •  Galicia •  24/10/2020

Anova esixe unha nova lexislación eólica ante a avalancha de proxectos pactados polo PP co lobby eléctrico

A formación reclama un desenvolvemento xusto, democrático e sostible do recurso do vento fronte á actitude de Alberto Núñez Feijóo a fronte do Goberno galego.

Anova esixe unha nova lexislación eólica ante a avalancha de proxectos pactados polo PP co lobby eléctrico

Para Anova Irmandade Nacionalista, «Feijóo aposta porque as eléctricas se beneficien dos fondos europeos de reconstrucción cunha normativa eólica obsoleta e un modelo que expolia ao rural galego«.

Segundo sinalan, na presentación dos proxectos para a captación de fondos europeos extraordinarios, habilitados para superar a crise provocada pola Covid-19, «Féijoo deixou patente que non ten un pacto para o pobo galego senón un pacto con determinados lobbies que se benefician das súas políticas«.

O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez denuncia a «barra libre» do Goberno Feijóo ás grandes corporacións do sector eólico / Anova

«Feijóo quere que os millóns do Fondo Europeo de Reconstrucción vaian para que as eléctricas, bancos, constructoras e fondos voitre instalen os seus eólicos, disfrutando de enormes beneficios e dunha normativa obsoleta que lles dá barra libre» -denuncia o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez-.

O sector das eléctricas, que no éolico pretende duplicar a potencia instalada a nivel galego nos vindeiros 10 anos, serían o máis beneficiado de conseguir os seus obxetivos gracias ao goberno galego -considera a formación política-..

Anova subraia que nos últimos anos o país está a sufrir «unha avalancha de proxectos que están a provocar numerosos conflitos sociais» ao estar incardinados «nun modelo onde un conglomerado de eléctricas, construtoras, bancos e fondos voitre aproveitan os recursos naturais de Galiza e os favores administrativos e políticos para obter gorentosos beneficios deixando no país os impactos negativos e as migallas»-

Esta situación -denuncian-, prodúcese «coa conivencia dun Feijóo que se apurou a lexislar a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, aprobada en 2017 polo método de urxencia, porque llo esixiu o lobby eólico, mentres gardou no caixón a elaboración e renovación da nova normativa que podería permitir un desenvolvemento democrático, sostible e respectuoso coa paisaxe, o patrimonio e coa xente do rural».

Así, «están gardadas nun caixón de San Caetano as Directrices da Paisaxe, que Feijóo prometeu para 2017, as cales condicionarían a ubicación dos parques eólicos para que tivesen un menor impacto paisaxístico«.

Ademáis, «tamén se gardou no caixón a elaboración dun novo Plan Sectorial Eólico, contando cun vixente no cal a última modificación data do ano 2002 cando, por exemplo, as características dos aeroxeneradores mudaron completamente e, polo tanto, facendo dese documento un plan obsoleto».

Para Anova «este plan de captación de Feijoo non fará máis que seguir beneficiando con fondos europeos a unhas empresas estranxeiras na súa ampla maioría, coa consecuencia de que expulsan á xente do rural. O que debera ser unha oportunidade convértese nun grave inconvinte, onde os beneficios voan e os impactos quedan».

Por iso, Anova IN demanda a elaboración dunha nova lei do sector eólico e un novo Plan Sectorial para contar cun modelo en mans da xente, coa participación pública e cooperativa, que sexa sostible e respectuoso coa contorna e beneficie socialmente á xente que vive no rural.


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  coronavirus /  COVID-19 /  Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia /  Xunta de Galicia /