Redacción •  Galicia •  22/11/2020

A paraxe natural da Serra do Suído, en alerta vermella polo impacto negativo do parque eólico Coto das Airas

Ecoloxistas en Acción alerta da ameaza que representa este proxecto industrial -actualmente en proceso de información pública- para as turbeiras da zona. Nas alegacións presentadas, a entidade solicita que se rexeite a actual avaliación ambiental que non ten en conta o impacto severo do proxecto sobre estes ecosistemas.

A paraxe natural da Serra do Suído, en alerta vermella polo impacto negativo do parque eólico Coto das Airas

A organización ecoloxista resalta que ata 11 turbeiras húmidas de montaña se vaian a ver afectadas polo proxecto eólico. As turbeiras son importantes fixadores do CO2 atmosférico, moito máis que os bosques, resultando imprescindibles para mitigar os efecto do cambio cimático.

Ecoloxistas en Acción denuncia que o emprazamento de dito parque eólico ten un alto valor natural e paisaxístico, estando clasificada como unha Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP), polo que pode concurrir un posible delito ambiental ao proxetarse sobre unha paisaxe protexida.

O Parque Eólico Coto das Airas estará constituído por 11 aeroxeradores de 4,0 MW de potencia unitaria, sendo a potencia total a instalar de 44,0 MW. Os terreos no que se desenvolverán todas as obras e instalacións do parque eólico están situados nos termos municipais da Lama e Fornelos de Montes, na provincia de Pontevedra.

Os terreos afectados polas infraestruturas proxectadas no parque eólico e as súas servidumes, como pistas de acceso de até 6 metros de anchura, cabe clasificalos como Chan Rústico de Protección Forestal, ao ocupar Montes Veciñais en Man Común, Chan Rústico de Protección Patrimonial, ao existir bens patrimoniais protexidos, Chan Rústico de Protección das Augas, ao existir zonas de policía asociadas a leitos e Chan Rústico de Protección de Espazos Naturais, ao existir zonas protexidas pola lexislación de conservación da natureza ou a reguladora de espazos naturais, flora e fauna.

Asemade Ecoloxistas en Acción advirte da cercanía do Camiño de Santiago a dito parque afectando tamén a hábitats prioritarios cuxa conservación está amparada por directivas da Unión Europea.

O colectivo sinala que o parque eólico proxectado é totalmente incompatible co mantemento das turbeiras existentes. As turbeiras prestan importantes servizos ecosistémicos. Desempeñan un papel fundamental na conservación da biodiversidade, debido a que son refuxio dalgunhas das especies máis raras e inusuais da flora e fauna dependente dos humidais. Interveñen no ciclo hidrolóxico, debido á súa gran capacidade de reter auga. Estes ecosistemas son recargados por precipitacións e a auga que é captada libérase gradualmente cara ás concas. Tamén inflúen directamente na calidade da auga, xa que operan como filtro natural cara ás augas subterráneas, reducindo a mobilización e transporte de sedimentos e fixando compostos nocivos como metais pesados. Grazas á acumulación das capas de turba, participan na fixación de carbono (en maior medida que os bosques). Conteñen aproximadamente 1/3 das reservas de carbono do mundo, as cales son o resultado dun lento proceso de acumulación. Constitúen verdadeiros arquivos paleoambientais que serven para reconstruir os cambios paisaxísticos do pasado e os climas anteriores.

O grupo ecoloxista destaca tamén a importancia clave para as aves que a serra do Suído ten no contexto galaico. Sendo o punto da metade Sur de Galicia con maior presenza estacional de aves rapaces como o abutre común (Gyps fulvus) ou negro (Aegypius monachus) ou peneireiro das torres (Falco naumanni), especies habitualmente moi afectadas polos choques contra os muiños de producción eólica e os tecidos eléctricos asociados. O Suido consta coa nidificación comprovada de especies presentes no catálogo galego de especies ameazadas como a gatafornela (Circus cyaneus), a rapina cinsenta (circus pigargus), ou con protección anivel estatal, como é o caso da águia cobreira (Circaetus gallicus) ou a caudal (Hieraeetus pennatus). Tamén é unha área de dispersión constatada clave para a águia real en Galicia, ao seren observados exemplares dispersantes procedentes do proxecto de reintroducción da especie no PN da Serra do Xurés. Dende Ecoloxistas en Acción advertimos que a águia real é unha especie en perigo de extinción en Galicia, que ten un plan de recuperación en vigor e así consta no catálogo galego de Especies ameazadas. Un impacto severo tamén para as poboacións de lobo pola fragmentación do territorio.

Dende Ecoloxistas en Acción advirten ademais que a proximidade do proxecto suporá un grave impacto sobre os espazos naturais protexidos da Rede Natura cercanos como o Río Tea, a Serra do Cando, a Serra de Pena Corneira e a Serra do Candán. Que un parque eólico proxectado non se localice en Rede Natura non significa que non vaian a existir impactos directos ou indirectos sobre estes espazos protexidos, polo que Ecoloxistas en Acción esixe á promotora que realice unha Avaliación das repercusións do proxecto sobre a Rede Natura anexa ao proxecto.

Finalmente, Ecoloxistas sinala o impacto moi severo que pode ter o proxecto sobre o patrimonio cultural e arqueolóxico da Serra do Suído ao atoparse na contorna numerosos túmulos funerarios prehistóricos catalogados, petroglifos e outros xacementos.


Ecoloxistas en Acción /  Rede Natura 2000 /  Xunta de Galicia /