EU lamenta o falecemento de Xosé Manuel Pazos alcalde de Cangas e figura esencial dos procesos de unidade da esquerda en Galicia
“Cangas e a esquerda política perden un referente cuxo bagaxe político e ensinanzas a nosa organización saberá valorar e coidar”.
Compostela, 25 de xaneiro de 2021. Esquerda Unida lamenta a morte dun militante moi querido pola organización, artífice dos grandes procesos de confluencia política da esquerda e actual alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, “un referente político para os homes e mulleres que acreditan na unidade política e no compromiso social”.
Con grande pesar, as compañeiras de @EsquerdaUnida lamentamos o falecemento de Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e compañeiro da nosa organización e quen soubo traballar a unidade como base desde a que artellar a política municipal.
Que a terra che sexa leve, compañeiro.
— Eva Solla Fernández (@eva_solla) January 25, 2021
A coordinadora nacional de EU, Eva Solla, lamentou hoxe o feito de que “Galicia e Cangas perden a un dos homes que traballou a reo para a unidade das forzas de esquerdas, que foi quen de concretar colectivamente a creación de alternativa galega de esquerdas, forza hoxe gobernante na vila, sen a cal non se entendería a creación de AGE no 2012 e tampouco as candidaturas de unidade popular e procesos políticos posteriores”.
Os valores solidarios da esquerda e da xustiza social alimentaron sempre a vida e a andaina política de Xosé Manuel Pazos. O seu lugar no mundo era Cangas e alí, como alcalde, deu leccións eternas do poder transformador da cultura. Doe dicirlle adeus a tanta sabedoría e bondade. pic.twitter.com/8Na28KnqR4
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) January 25, 2021
Pazos era un exemplo de talante político, diálogo permanente e compromiso tamén co desenvolvemento dunha cultura popular aberta e crítica. “Cangas e a esquerda política perden un referente cuxo bagaxe político e ensinanzas a nosa organización saberá valorar e coidar”.