Galicia exporta o 30% da enerxía que produce cunha factura eléctrica para os fogares cada día máis cara
A CIG presenta alegacións aos prezos dos cargos e peaxes que se aplicarán a partir do 1 de xuño
electricidade tarifa electrica tarifa eléctrica galega transición enerxética.
Segundo os datos adiantados do Informe do Sistema Eléctrico do 2020 de REE, o pasado ano, e malia a parálise case total das centrais de Meirama e As Pontes, Galicia exportou o 29,2% da enerxía que xerou. Porén, os fogares galegos poderían ver incrementada a súa factura anual da luz entre un 14% e un 32% debido á nova regulación do sistema de tarifas que está preparando o Ministerio de Transición para a Ecoloxía.
Neste marco, a CNMC elaborou un «proxecto de orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do 1 de xuño de 2021» ao que a CIG vén de presentar alegacións, solicitando a súa retirada e que se reconsideren as peaxes e os cargos das novas tarifas para non penalizar, sobre todo, o consumo doméstico e determinadas actividades económicas con forte implantación no país como son as pequenas explotacións gandeiras, o sector da hostalería ou as PEMES.
No caso dos fogares, a nova distribución das peaxes e cargos na tarifa 2.0 TD (que pasa a ter dúas potencias e tres períodos) afectaría de forma moi directa a aqueles puntos de subministración que contan actualmente con discriminación horaria -con especial incidencia nas casas que teñen acumuladores e termos eléctricos-, que poderían ver incrementada a factura anual entre un 14% e un 32%, ao reducirse de 14 a 8 horas a franxa horaria máis barata que se aproveita para a carga destes aparatos.
Cómpre salientar que en Galiza hai máis de medio millón de usuarios/as que contan coa tarifa 2.0DHA, a tarifa doméstica por excelencia, que relevou a antiga tarifa nocturna, que verán como sube a súa factura enerxética sen que dispoñan de ferramentas que lles permitan desprazar os consumos de cociña ou calefacción a horarios con peaxes máis baratas.
FORTE IMPACTO NAS PEQUENAS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS
Tamén resultarán afectadas as máis de 10.000 pequenas explotacións gandeiras, que verán engordado o seu recibo enerxético en máis de 800€, posto que as tarefas de alto consumo coinciden cos horarios do período punta da tarifa e non se poden desprazar a outros períodos con peaxes máis baratas. A CIG calcula que o incremento medio da factura anual para este colectivo será do 41,09% e as novas tarifas terán un impacto semellante noutras actividades con similar perfil de consumo, como pode ser a hostalería; un sector fortemente golpeado pola actual pandemia.
Tampouco o teñen doado as PEMES, xa que a estrutura da tarifa 3.0 TD obrígalles a realizar un estudo pormenorizado do consumo a fin de poder determinar con precisión a potencia a contratar en cada un dos seis períodos de enerxía e potencia deseñados. Porén esta información non está a disposición do/a cliente nas plataformas de información (distribuidoras, Datadis etc.), senón que ten que recoller os datos fisicamente do propio contador, co traballo que isto implica.
Pero ademais, o atraso na actualización do parque de contadores para a súa integración na nova estrutura das tarifas de acceso, impide que os/as usuarias poidan adaptar os seus consumos aos períodos máis económicos e aproveitar así as oportunidades creadas polo regulador, desvirtuándose deste xeito o espírito da norma de contribuír ao aforro e á eficiencia enerxética no consumo final.
Por iso, no escrito de alegacións, a CIG tamén solicita que o Goberno teña en consideración os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica; a retirada do imposto especial da electricidade tendo en conta que foi concibido para un fin que, no momento actual, non ten sentido que siga en vigor; e que se revise o tipo aplicado no imposto de valor engadido ao xeito que o fixeron outros gobernos da Unión Europea, evitando a forte carga impositiva que sobre o consumo de electricidade existe no Estado español.