Redacción •  Galicia •  23/03/2021

Anova comprométese a levar adiante iniciativas en defensa da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba fronte ao parque eólico Monte Chan

O portavoz nacional da formación política Antón Sánchez e o deputado provincial da Marea Atlántica Alberto Lema comprobaron esta fin de semana de primeira man o impacto ambiental irreversible que o proxecto de EDP Renovables España podería causar na zona no caso da súa aprobación administrativa por parte da Xunta. 

Anova comprométese a levar adiante iniciativas en defensa da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba fronte ao parque eólico Monte Chan

Sánchez e Lema visitaron, xunto a activistas de diversas asociacións medioambientais da bisbarra, o lugar onde podería chegar a implantarse o proxecto eólico, puidendo comprobar os grandes valores naturais que atesoura a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, que constitúe un conxunto singular con formacións pétreas recoñecidas pola súa beleza e o seu carácter antropomórfico e zoomórfico apreciados dende antigo, o que converte o lugar nun dos principais activos existentes no territorio galego.

O REXEITAMENTO MUNICIPAL NON CONTA PARA A XUNTA

Dende anova denuncian que o actual plan eólico sostido polo PP de Feijóo «pasa por riba da vontade dos concellos de Laxe e Vimianzo» malia o seu rexeitamento «sen ambaxes» do parque eólico Monte Chan pola afección negativa sobre actividades esenciais para o seu desenvolvemento como o turismo de calidade como ferramenta de futuro, o que se basea fundamentalmente na boa conservación das súas paisaxes.

De feito, para Anova, «así coma os valores culturais, ambientais e científicos dos penedos de Pasarela e Traba son piares fundamentais para un futuro sostible da Costa da Morte, onde o turismo respectuoso co medio tamén supón unha oportunidade de presente e de futuro si a preservación do territorio é axeitada».

Así consta, por exemplo, no PXOM do Concello de Laxe, que aposta por un turismo baseado nos seus valores naturais e culturais, mentres que «sen embargo ten que confrontar a política de pixalle fomentada polo actual Goberno da Xunta, que pasa por riba das bases urbanísticas do municipio» -recordan dende a formación política-.

De feito, Anova denuncia que «para o Partido Popular, as políticas de protección paisaxística, patrimonial ou ambiental son simplemente obstáculos para o modelo económico que defenden a prol dos grandes conglomerados empresariais» ao tempo que están a pasar «por riba dos intereses da poboación», o que resulta, por exemplo, en que non se tomen medidas como a ampliación da Rede Natura, feito solicitado de maneira reiterada polas autoridades europeas. Porque o único obxectivo do PP -denuncian- é «non prexudicar o negocio extractivista ao tempo que se obvia a protección de paisaxes únicas como a dos Penedos de Pasarela e Traba».

COMPROMISO COA DEFENSA DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA

Ao remate da visita, Antón Sánchez e Alberto Lema comprometéronse a seguir adiante con iniciativas de defensa do territorio, desta paisaxe protexida e da súa área de influencia, considerando que a do parque eólico Monte Chan «é unha loita decisiva para esa defensa xa que condesa todos os valores que merecen ser defendidos a prol da paisaxe galega», unha loita que seguirán levando activamente ao tempo que denuncian «as habituais prácticas fraudulentas permitidas e impulsadas dende o Goberno de Alberto Núñez Feijóo».


Alberto Lema /  Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  EDP Renovables /  EDP Renovables España S.L.U. /  EDP Renováveis /  Marea Atlántica /  paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba /  parque eólico Monte Chan /  Partido Popular /  Penedos de Pasarela e Traba /  PP /  PPdeG /  Xunta de Galicia /