Anova denuncia que a Lei de reactivación económica do PP está feita a medida dos intereses do oligopolio eléctrico
O portavoz nacional da formación Antón Sánchez reclama que a Xunta traballe pola implantación dun plan eólico que sexa «democrático e respectuoso co territorio e a súa xente»
Neste senso, considera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que se anula a resolución da Xunta de agosto de 2019 sobre a modificación do proxecto do parque eólico da Serra do Iribio «é demoledora e contundente non só para ese caso concreto, senón como emenda á totalidade da política ambiental e eólica do Goberno Feijóo».
Anova denuncia que o modelo eólico do PPdeG «non respecta os valores patrimoniais e paisaxísticos nin respecta á súa xente, ocasionando graves mpactos». De feito, a xuizo da formación o territorio galego «carece dunha planificación global e racional coherente coa normativa comunitaria da UE en materia ambiental».
Por este motivo, Anova insta a Alberto Núñez Feijóo «a que non profundice máis no camiño do espolio, gobernando para unha minoría, e que atenda por unha vez ao interese xeral·.
A formación política esixe «un modelo democrático, onde os retornos sexan para a xente e non para o oligopolio eléctrico que se lucra cos recursos de todas e todos». Un modelo que sexa, ademáis «respectuoso cos valores paisaxísticos e co medio ambiente que temos que conservar para o futuro».
Por este motivo, rexeita totalmente a aprobación conivente da Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia por estar feita «á medida deses grandes intereses de depredación» indo «contra a racionalidade e a xente do común».
Para o portavoz nacional Antón Sánchez, «queda claro» para quen está a Gobernar o Executivo de Feijóo e cal é a súa proposta, «un modelo do espolio, da privatización dos beneficios fronte ao que debería ser unha oportunidade para todas e todos«, nun modelo de defensa do país, do patrimonio e da paisaxe nun «modelo democratizado».
Anova considera esencial un proceso de diálogo social e político para construir un novo modelo enerxético que asente as bases para fixar poboación e axudar a soster á xente no rural «e non para expulsala», e que sexa «útil para rear rendas e non só privilexios para unha minoría».