Redacción •  Galicia •  28/05/2021

Un mes sen explicacións do alcalde sobre “a integración” da residencia na Fundación San Rosendo

  • Quince cuestións que o alcalde debe aclarar de maneira urxente e que os representantes políticos e a veciñanza toda teñen o dereito a que se lles aclaren.
Un mes sen explicacións do alcalde sobre “a integración” da residencia na Fundación San Rosendo

O pasado 28 de abril a Fundación San Rosendo anunciou “a integración” da Residencia San Carlos de Celanova. O comunicado non ofreceu máis información a respecto da fórmula e as condicións desa integración.

Na fotografía que acompañou ao comunicado non aparecía o Alcalde de Celanova –que por doazón histórica representa a Alcaldía (e a toda a veciñanza) como membro nato do Padroado da San Carlos de Celanova–.

O actual alcalde NON formalizou a súa incorporación ese padroado até os primeiros meses deste 2021, cando ocupa a Alcaldía desde maio de 2019 e malia a insistencia do BNG que llo veu pedindo desde o comezo da pandemia polas alarmantes circunstancias que viviu o centro.

Interpelado polo BNG no pleno “clandestino” de xaneiro, Antonio Puga dixo que non tiña formalizado a súa incorporación e retou o concelleiro nacionalista advertindo que el non ía “facer nin máis nin menos” que os seus antecesores. Foi unha mostra máis do desprezo do sufrimento das usuarias, das familias e das traballadoras. E eludiu máis unha vez a súa responsabilidade municipal.

No pleno de abril, de novo a preguntas do BNG, Antonio Puga dixo que xa asinara a súa incorporación mais non “recordaba” en que data.

Uns días despois coñeceuse que a residencia de Celanova –levantada con cartos públicos a mediados da década dos oitenta e cunha parte pública nata e, polo tanto, irrenunciábel no órgano que a rexe– ía ser incorporada á Fundación San Rosendo. O novo xestor cambiou inmediatamente a dirección do centro celanovés e modificou a operativa e as normas para residentes e traballadoras.

Neste contexto, e despois dun mes sen que se teña dado información ningunha por parte da Alcaldía, o BNG de Celanova dirixe esta serie de preguntas a Antonio Puga:

  1. Cando (en que data) formalizou a súa incorporación como patrón?
  2. Cando formalizou a súa incorporación, coñecía as negociacións entre o grupo de residencia Fundación San Rosendo e o Padroado da San Carlos de Celanova? Cando soubo desas negociacións?
  3. Cal foi a súa participación nesas negociacións?
  4. Por que non informou inmediatamente o resto de grupos?
  5. Por que non reuniu os grupos para fixar unha postura común sobre como afrontar esas negociacións?
  6. En que situación queda, na nova estrutura dun xigante como a Fundación San Rosendo, a representación pública e institucional que ten a Alcaldía de Celanova como membro nato do Padroado da San Carlos de Celanova?
  7. Cales han ser as funcións dese Padroado polo que respecta ao funcionamento ordinario e á xestión da Residencia San Carlos? E cal é a función da representación que vostede ostenta?
  8. Negociou a Fundación San Rosendo con vostede algún cambio nesa representación ou nas funcións que lle corresponden a representación da Alcaldía?
  9. Cales foron as condicións para a integración da residencia no conglomerado da Fundación San Rosendo?
  10. Asumiu a Fundación San Rosendo a débeda que arrastra a Residencia de Celanova? Coñece a débeda da Residencia de Celanova?
  11. Desde a súa incorporación como membro do Padroado da San Carlos, recibiu vostede información sobre o resultado da investigación da Fiscalía e das dúas inspeccións por parte de Política Social e de Sanidade ás que foi sometida a residencia desde o comezo da pandemia?
  12. Por que atrasou tantos meses, sen xustificación algunha, a súa incorporación como membro nato en representación da Alcaldía? Pediulle a Fundación San Rosendo que atrasara a súa incorporación ao Padroado?
  13. Pediu vostede, nalgún momento antes da súa incorporación como membro do Padroado, información sobre os plans de Cesáreo Iglesias, presidente, e o resto de membros do órgano sobre o futuro da residencia?
  14. Cales son os plans da Fundación San Rosendo para a residencia de Celanova? Pediu información sobre iso como alcalde e como membro do Padroado?
  15. Segue pensando que a súa obriga no Padroado consiste en facer “nin máis nin menos” do que fixeron os seus antecesores?

SEN INVESTIGACIÓN NIN EXPLICACIÓNS NA DESPEDIDA

Por outra banda, o BNG de Celanova lamenta o innecesario sufrimento engadido pola actitude do Padroado da San Carlos e da anterior dirección do centro coas familias á hora da despedida. A dirección despediuse nunha mensaxe de Whatsapp. O Padroado nin sequera tivo até hoxe a cortesía e a delicadeza de ofrecer unha explicación ás familias, despois dun ano terríbel na residencia a causa da covid, con 9 falecementos confirmados consecuencia directa do virus e, cando menos, outras cinco mortes máis (dúas delas moi recentes) de residentes que foron vítimas do virus.

SEN INVESTIGACIÓN E CON OBSTÁCULOS NO PARLAMENTO

O BNG de Celanova lembra que aínda non se fixo investigación pública ningunha sobre o acontecido nas residencias do país e que o PP rexeitou abrir no Parlamento galego unha comisión de investigación, e que o BNG vén denunciando que o goberno galego segue, a día de hoxe, a obstaculizar o labor de información por parte das deputadas e deputados que solicitan información ao respecto.

Celanova, 28 de maio de 2021.


Celanova /