Redacción •  Galicia •  20/06/2021

A Organización Galega de Comunidades de Montes denuncia un novo intento de confiscación administrativa do patrimonio veciñal

A entidade denuncia que as comunidades de montes do concello de Tui e do concello de O Rosal están recibindo unha comunicación do catastro que lles anuncia que as súas terras de monte veciñal incluidas na demarcación marítimo-terrestre pasan a ser de titularidade da Administración do Estado.

A Organización Galega de Comunidades de Montes denuncia un novo intento de confiscación administrativa do patrimonio veciñal

A ORGACCMM sinala que o Ministerio de Economia e Facenda, mediante as xerencias territoriais dos catastros , está procedendo a unha confiscación dos montes veciñais en mán común amparándose nunha lexislación que non recoñece a realidade galega.

A pesar de que os montes veciñais en mán común non son de titularidade públicas nin privadas a Constitución Española e as leis derivadas dela situan aos montes veciñais na categoria de montes de titularidade privada .

Para o colectivo, «a Constitución Española negaunha realidade existente e que abrangue un tercio do territorio galego . Así a Constitución Española, ao contrario da constitución portuguesa, non recoñoce a titularidade comunitaria como unha forma máis de propiedade distinta da titularidade pública e privadas».

A ORGACCMM constata que para levar adiante esta confiscación encuberta dos montes veciñais en mán común están aplicando o artigo 9 de lei de Costas (lei 22/1988 ), o cal estipula que na demarcación marítimo-terrestre non poden existir titularidades de cáracter privado .

Denuncian que a axencia do catastro, un organismo que non define propiedade senón usos, non pode cambiar a titularidade dunhas terras. Como tampouco pode a lei a de costas derogar sen debate parlamentar a lei de montes do estado.

A lei de montes do estado articula que os montes veciñais en mán común por ser unha titularidade de caracter xermánico teñen a característica de imprescritibles, é decir que nunca perderá o seu caracter de monte veciñal . A Organización Galega de Comunidades de Monte sospeita que non estamos ante unha cuestión de caracter xurídico, senón diante dunha cuestión de intencionalidade política: a intención do goberno central de confiscar parte dos montes comunais á veciñanza comuneira.

Ante esta confiscación encuberta dos montes veciñais en mán común a Organización Galega de Comunidades de Montes convocará os grupos políticos galegos con representación nas Cortes Xerais do Estado para solicitarlle que presenten iniciativas parlamentarias contra esta confiscación.

Ditas iniciativas parlamentares deben solicitar que a Constitución Española recoñeza a titularidade veciñal como unha forma máis de propiedade e que se modifique o artigo 9 de lei de costas recollendo que nas demarcacións maritimo–terrestre poden existir terreos de titularidade comunitaria coas afeccións de usos que marque a administración.

A ORGACCMM convocará asembleas territoriais coas comunidades de montes para que entre toda a veciñanza comuneira adoptar medidas para parar esta confiscación encuberta dos montes veciñais. A primeira de estas asembleas territoriais terá lugar o xoves 24 de Xuño ás 19:30 horas na casa da comunidade de montes de San Miguel de Tabagón no concello de O Rosal.


Organización Galega de Comunidades de Montes /