Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas
- «Vostedes móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós movémonos hai unha semana. Se nós paramos, vostedes paran», díxolle Carlos Babío, portavoz de DEFENDE MEIRÁS, á ministra Carmen Calvo á entrada do Pazo de Meirás, no mesmo lugar onde unha semana antes tivo lugar a maior mobilización do memorialismo galego dos últimos quince anos.
- O Estado reúne á Xunta, á Deputación e os concellos de Sada e da Coruña en Meirás para facer unha foto e non dar solución ningunha ás demandas urxentes sobre a protección dos bens do Pazo nin ás demais demandas do movemento memorialista galego.
«Vostedes móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós movémonos hai unha semana. Se nós paramos, vostedes paran», díxolle Carlos Babío, portavoz de DEFENDE MEIRÁS, á ministra Carmen Calvo á entrada do Pazo de Meirás, no mesmo lugar onde unha semana antes tivo lugar a maior mobilización do memorialismo galego dos últimos quince anos.
A ministra e vicepresidenta admitiu alí mesmo, antes do acto institucional, que o Goberno vai detrás das demandas das entidades memorialísticas do país e avanzou a Carlos Babío que se organizará unha homenaxe ás vítimas dentro de Meirás, despois de tela impedido hai unha semana e deixando, de novo hoxe, ás vítimas fóra do Pazo.
Á hora de redactar esta nota de prensa, rematado o acto institucional coa presenza de representantes do Estado, da Xunta, da Deputación da Coruña, e dos concellos de Sada e da Coruña, non temos noticia de que se teña producido anuncio oficial ningún en relación ás demandas que desde o movemento memorialístico galego se lle veñen exixindo ás Administracións: ampliar a protección de todos os bens do Pazo diante do novo intento de rapina dos Franco, desenvolver un acto en memoria das vítimas do fascismo e da represión franquista en Meirás, converter o espazo de memoria histórica e participación das asociacións de memoria na xestión dese futuro espazo.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada, a Alexandre Bóveda nin ningunha das principais asociacións de memoria do país agrupadas na IGM (que o xoves decidiu maioritariamente non acudir unha reunión da súa coordinadora) ou fóra dela tomaron parte no acto organizado a toda présa polo Estado.
A Ministra de Presidencia, Carmen Calvo, veu reiterar hoxe a declaración de onte do Secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, que se manifestou disposto a abrir “vías de cooperación coas entidades gallegas de memoria democrática”, segundo recolle a prensa do día. Mais esa colaboración estivo vedada até o pasado sábado, o día da manifestación do 19 de xuño, e as memorias seguen cuestionando a vontade real do Goberno para cooperar co movemento.