Redacción •  Galicia •  05/07/2016

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a Xunta segue adiante co desmantelamento do CGAI

O deputado Xabier Ron considera que o Goberno galego quere “degradar unha institución pública para sometela a privatización ou mesmo pechala”.

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a Xunta segue adiante co desmantelamento do CGAI

A Xunta reactiva o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Xabier Ron. E faino, engade, ao convocar para mañá, sete de xullo, unha comisión de persoal. “A Xunta de Feijóo pretende reducir máis do 40% do persoal da institución, logo de eliminar o posto de bibliotecaria e o servizo de préstamo do seu fondo audiovisual”, explica.

O Goberno galego xa intentara levar adiante esta brutal retallada de persoal na filmoteca pública localizada na Coruña. “Só as protestas das xentes da cultura e un interesado cálculo electoralista”, considera Ron, “adiaron a comisión de persoal”. Agora o Executivo do PP continúa cos seus plans. “Supoñen un serio ataque á continuidade do CGAI e se cadra agocha as intencións reais do Partido Popular: degradar unha institución pública para sometela a privatización ou mesmo a peche”, di.

O Centro Galego das Artes da Imaxe é o único arquivo audiovisual público do país, con importantes fondos cinematográficos e fotográficos. Amais, desenvolve a importante función de filmoteca e espazo para o acceso ás obras cinematográficas de vangarda e que son discriminadas polos circuítos mercantilizados. “O recorte de persoal imposibilitaría definitivamente as funcións que hoxe realiza, xa con dificultades pola escaseza de traballadoras e traballadores, o CGAI”, afirma Ron.

Alternativa Galega de Esquerda esixe a paralización dos plans da Xunta e vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria para a súa resposta oral en Comisión en que interroga ao Goberno de Feijóo sobre se este entende que a redución de traballadoras e traballadores permitirá ao CGAI cumprir coas funcións e responsabilidades da institución en virtude do Decreto 210/1989, polo que foi creado este centro e pregunta «cales son os plans reais» que a Xunta ten para o CGAI.


AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Xabier Ron /  Xunta de Galicia /