Redacción •  Galicia •  23/09/2021

As novas guías de calidade do aire da OMS incúmprense en todas as cidades galegas

Ecoloxistas en Acción denuncia que nas sete principais cidades galegas superouse a nova directriz para o NO2 durante 2019, sobre todo en Vigo e Ourense. E a recomendación para PM2,5 duplicouse.

As novas guías de calidade do aire da OMS incúmprense en todas as cidades galegas

Ecoloxistas en Acción pide aos concellos unha redución drástica e rápida do actual tráfico urbano en favor de peóns, bicicletas e transporte colectivo, se de verdade queren protexer a saúde da súa cidadanía.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) ven de publicar as súas esperadas directrices sobre os niveis de contaminación do aire. Estas directrices, cuxa última edición foi aprobada en 2005, son as únicas recomendacións cientificamente recoñecidas a nivel mundial sobre a calidade do aire que respiramos, cuxo cumprimento reduce significativamente os riscos para as persoas. As novas directrices son moito máis estritas, o que demostra o impacto extremo que ten a contaminación atmosférica na saúde, mesmo a niveis baixos. Así, a concentración anual recomendada de dióxido de nitróxeno (NO2), un contaminante tóxico cuxa principal fonte nas cidades é o tráfico motorizado, pasou de 40 a 10 µg/m3 (microgramos por metro cúbico). Pola súa banda, a guía anual para as partículas inferiores a 2,5 micras (PM2,5) –as máis prexudiciais para a saúde– baixa de 10 a 5 µg/m3, cando a normativa permite 20 µg/m3.

Moitas cidades avanzaron na redución da contaminación por NO2 e PM2,5 nos últimos anos. Con todo, os datos mostran que todas as cidades españolas e as súas áreas metropolitanas, incluídas as galegas, superan actualmente as novas guías de calidade do aire establecidas pola OMS, malia a forte caída dos seus niveis en 2020 por efecto das medidas de loita contra a COVID-19. Desta forma, e tomando como referencia o último ano sen confinamentos (2019), os niveis de NO2 en Vigo e Ourense duplicaron a nova guía anual da OMS, que tamén foi superada, en menor medida, no resto das sete principais cidades do país. No tocante aos niveis de PM2,5 duplicouse a nova recomendación da OMS en todas as principais áreas urbanas, rexistrándose o maior valor en Vigo (13 µg/m3).

O NO2 provoca cada ano en España ao redor de 7.000 mortes prematuras, segundo o Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Europea de Medio Ambiente. É un gas irritante que provoca doenzas respiratorias como a asma e a enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC), e mingua a resistencia ás infeccións. Diversos estudos relacionaron a mortalidade da enfermidade COVID-19 con este contaminante atmosférico.

O NO2 é ademais o principal contaminante precursor do ozono troposférico. A OMS mantivo a súa directriz nos 100 µg/m3 recomendados desde 2005, por baixo dos 120 µg/m3 diarios permitidos pola normativa vixente.

Ecoloxistas en Acción suliña que a importante redución dos niveis de contaminación que a OMS considera como malsáns debería ser un estímulo para os diferentes gobernos de cara a avanzar todo o posíbel na mellora da calidade do aire. Débese ter como meta estes obxectivos e non os límites legais que marca a normativa, que non sempre garanten a protección da saúde. Polo menos mentres a lexislación non se aproxime máis ao coñecemento científico, o que está previsto que suceda en 2022, coa revisión da Directiva europea de calidade do aire.

A crise da COVID-19 demostrou que a redución estrutural do tráfico motorizado e os cambios nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire nas cidades. Por iso, se os concellos queren protexer a saúde da súa cidadanía deberán implantar de forma rápida e ambiciosa as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) ás que lles obriga antes de 2023 a Lei de Cambio Climático, reducindo de forma drástica o tráfico urbano.

Con motivo do Día Europeo Sen Coches e á luz destes datos, Xose Veiras, voceiro de Ecoloxistas en Acción, declarou: “Pedimos ás autoridades que consoliden boas prácticas adquiridas durante a pandemia como a compra de proximidade, o teletraballo, a administración electrónica ou o escalonamento de horarios laborais, alén de potenciar o transporte colectivo eléctrico e a mobilidade activa peonil e ciclista, redistribuíndo o espazo urbano en beneficio destes medios”.


contaminación /  Ecoloxistas en Acción /  OMS /