O alcalde de Celanova atrasa mellorar a deficiente iluminación nas rúas até que o Concello remate a obra e cobre a subvención
- O PP, Celanova Decide e o PSOE apoian a instalación dunha central eólica no Monte da Neve a cargo dunha empresa alemá a quen as leis no seu país prohibirían unha instalación similar.
- O alcalde dille ao concelleiro do BNG –que protesta uso político partidista do galardón– que se quere a acta do Premio Celanova, que lla pida á Fundación Curros Enríquez.
- O goberno municipal leva cinco semanas sen responder a petición do BNG sobre o contido do hipotético plan de turismo, vinculado ao proxecto coñecido como Humanización do casco antigo para fomento do turismo. O alcalde garda silencio diante da petición do BNG durante o pleno.
O pleno ordinario celebrado onte pola corporación de Celanova resúmese na seguinte constatación: o goberno local, composto por unha coalición de catro edís de Celanova Decide e dous do PSOE, non se sente responsábel de nada que teña que ver coa xestión pública na vila. Os edís parecen ter decidido a metade de mandato renunciar a toda responsabilidade, mais aínda non dixeron se renunciarán tamén os cartos que seguen a cobrar do Concello.
Os dous grupos do goberno e o grupo do PP renunciaron a exercer calquera labor de oposición ao proxecto de central eólica que unha empresa alemá, BAYWa, pretende chantar no Monte da Neve.
Os dous grupos do goberno e o grupo do PP renunciaron ademais a facilitar á veciñanza calquera información relevante sobre os impactos (negativos) do proxecto, e desde onte dedícanse a promocionar a instalación asumindo como propio o relato dos efectos (positivos) que a empresa trata de impoñer para que a presión social non pare o proxecto.
Leopoldo Rodríguez, o portavoz nacionalista, presentou unha proposta de acordo que instaba ao Concello a declarar unha moratoria eólica no termo municipal, unha declaración sen efecto xurídico, mais que daría pulo á crecente oposición veciñal á central eólica xunto á Casa da Neve e que se concretou nunha marcha cidadá o pasado 4 de setembro.
“Esta declaración é ben sinxela”, explicou o concelleiro nacionalista. “Trátase de ver e facer pública de que parte esta o Concello. Se está de parte das veciñas e veciños; ou se está de parte das corporacións eléctricas? Se está de parte do patrimonio, da historia e da cultura de Celanova; ou se está de parte do espolio e se pon de xeonllos diante dos novos colonizadores?”
A portavoz do PSOE, Tere Barge, manifestou que non se sente responsábel das decisións que tomen os comuneiros, dando a entender que o goberno do que fai parte, non vai mover un dedo. Como tampouco o moveu para informar ás veciñas. Sorprendentemente Barge afirmou que existe “unha desinformación total” sen lembrar que o seu goberno ocultou as supostas alegacións ao proxecto xunto a un estudo arqueolóxico que tivo que empezar a divulgar o BNG, dada a relevancia das conclusións.
O alcalde optou directamente pola mentira. Sostivo que o goberno local “se preocupou desde o minuto cero” polo proxecto eólico e referiuse o estudo arqueolóxico que el mesmo ocultou, e que intentou terxiversar nas súas conclusións en sesión plenaria, dicindo que “puxo de manifesto máis elementos (patrimoniais)” dos que nunca deu conta. O alcalde trasladou a responsabilidade á instancias superiores: “Hai protección en todos os ámbitos e non me cabe dúbida que se fará cumprir”. El tampouco moverá un dedo.
O seu portavoz, Javier Pulido, foi máis lonxe e defendeu directamente unha instalación que en Alemaña (sede da empresa) estaría prohibida polas distancias coas vivendas. Pulido segue a liña expresada polo PP, que dixo no pleno que os comuneiros recibirán 5 millóns de euros en 30 anos. Unha cifra ridícula, dado que supón (no caso de ser certa) uns 166.000 euros/ano, apenas o 2% do beneficio neto que se estima para os donos da central.
O alcalde tampouco tivo reparo en declararse como “o primeiro ao que non lle gusta” respecto a falta de iluminación que levan padecendo semanas veciñas e veciños de rúas como a Manuel Lezón (Calleabaixo) ou O Areal. Porén, nada dixo no pleno até que o portavoz do BNG o interpelou sobre esta cuestión.
Despois, foise polas ramas. Que se o seu goberno non era o responsábel de ter pedido a subvención para cambiar as luminarias; que se o proxecto estaba redactado antes de el chegar a ser alcalde e tampouco era responsábel; que se primeiro hai que xustificar a subvención e despois cobrala antes de pórse coas queixas…
Leopoldo Rodríguez tivo que lle recordar que non estaba preguntando polos trámites administrativos, senón polas solucións a un problema que ten molesta á veciñanza toda. “Falei co técnico e mirarase de aumentar a intensidade”, foi todo o compromiso do alcalde.
Renuncia a atender as demandas de información do BNG
O BNG leva esperando cinco semanas pola resposta a dúas preguntas rexistradas no Concello. Unha sobre o plan de turismo que debía ir asociado ao proxecto de peonalización e que non aparece por ningures no expediente. O alcalde gardou silencio sobre esta cuestión. Non topa o plan ou non o hai.
A segunda era sobre os membros do Padroado da Fundación Curros Enríquez que participaron na deliberación e fallo do Premio Celanova, concedido este ano á Residencia San Carlos (desde abril, en mans da Fundación San Rosendo) no que o BNG considerou un uso partidista do galardón para tratar de agochar a nefasta xestión da Xunta e do Concello na crise da covid neste centro de maiores. A resposta do alcalde foi: “diríxase vostede á Fundación” (da que el é presidente).
O BNG votou en contra da modificación de crédito de 133.000 euros presentada por Antonio Puga e o seu goberno para instalar unha área de autocaravanas no Cercado. O BNG explicou que este foi outro exercicio de improvisación por parte do alcalde e os seus concelleiros, que nin se informou á oposición dos detalles nin se achegou ningún estudo sobre a necesidade de tal infraestrutura. As nacionalistas tamén advertiron que o emprazamento non parece o máis adecuado se o que se pretende é dar servizo aos usuarios de autocaravanas.
Sumados os votos da oposición, a modificación foi rexeitada por maioría. Durante a primeira metade do mandato, o alcalde non viu a necesidade de negociar acordos (nin sequera os orzamentos) co BNG e xogou a gobernar con maioría absoluta sen tela. E segue sen querer negociar.