O BNG denuncia a discriminación do alumnado do IES de Bande
- As nacionalistas levan ao Parlamento galego unha proposición de lei para que a Xunta de Galiza autorice cursar as materias específicas con menos de cinco alumnos e alumnas.
O BNG levará ao Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta de Galiza autorice no IES de Bande a cursar as materias específicas “con menos de cinco alumnos e alumnas, se hai no centro persoal capacitado para prestalas e con dispoñibilidade horaria para impartilas”.
A proposición, que foi rexistrada esta semana polo deputado Iago Tabarés trata de responder á discriminación que sofre o alumnado de Bande, e doutros centros do país, onde se está a denegar a posibilidade de cursar as materias da súa elección, malia que existe profesorado capacitado e con dispoñibilidade.
Xunto a esta iniciativa, Tabarés expoñerá a cuestión diante da Comisión 4ª do Parlamento. “Considera a Xunta de Galiza que impedir ao alumnado cursar as materias da súa elección pode condicionar o acceso á carreira universitaria da súa elección?, entende o Goberno galego que resulta eficaz e eficiente impedir impartir aulas a profesorado que, estando capacitado, ten dispoñibilidade horaria?”, interpela o deputado no texto que cuestiona a resolución de 17 de xuño da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se exixe a inscrición de cando menos cinco alumnas ou alumnos para que se poida impartir nos centros do medio rural determinadas materias troncais ou específicas.
No caso do IES Aquis Quequernis de Bande, esta situación provocou a reacción de nais e pais de alumnas afectadas, e a protesta do BNG que agora se eleva ao Parlamento.